Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 08/12/2021 | Actualizada ás 17:29
O Parlamento de Galicia instalou esta semana un sistema de bucle magnético que facilita a audición ás persoas xordas que utilizan audífonos, segundo informa. En concreto, reduce de maneira significativa o ruído de fondo que escoitan os usuarios deste tipo de dispositivos e melloran a intelixibilidade.
Instalouse na área de deputados e de público do salón de plenos o Parlamento, no Salón dos Reis e na sala de exposicións. Tamén se habilitou un equipo portátil (con emisor e receptores portátiles), destinado a prestar servizo ás visitas guiadas ou actividades programadas en áreas diferentes ás delimitadas co bucle magnético.
O equipo técnico sinalízase cun símbolo de accesibilidade auditiva que o identifica nos distintos espazos do Pazo do Hórreo. A instalación do bucle magnético súmase a outras medidas xa implantas polo Parlamento de Galicia como a instalación de pictogramas orientados a facilitar a accesibilidade cognitiva das persoas con trastorno do espectro autista (TEA).
A iso, engádense a incorporación dun servizo de interpretación de lingua de signos na emisión web das sesións do Pleno e da Deputación Permanente ou a convocatoria dun concurso para mellorar a accesibilidade do Pazo do Hórreo e suprimir barreiras arquitectónicas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.