Deficitarios en dereitos humanos

Celebramos este venres 10-D o Día Internacional dos Dereitos Humanos nun intre no que os tres anos e medio de Goberno Sánchez non achegou avance ningún na normativa do Estado ao respecto.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 12/12/2021

Comparte esta noticia
Ollemos primeiro cara ao Código Penal (CP) español. Existen nel, arestora, delictos que xa non existen nos CP da Europa democrática, do que Rajoy chamaba países serios, mais non copiaba deles. A sedición que fixo primeiro vulnerar os dereitos fundamentais dos presos políticos cataláns e despois botalos ao cárcere é un delicto contra a orde pública que non conta con correspondencia ningunha na Europa democrática. Canto ás inxurias á Coroa permiten prender persoas que só desenvolven unha crítica política, contra  da doutrina do Tribunal Europeo de Dereitos Humanos (TEDH) que é a nosa máxima autoridade xudicial neste eido.
 
En setembro denunciamos a inactividade do PSOE e da UP para derrogar a “lei mordaza” e darlle á vixente Lei de Seguridade Cidadá (LSC) unha organicidade democrática. Agora presentaron unha iniciativa que nos fará voltar á lexislación 2015 só nalgunhas das cuestións obxecto de debate, sen lle dar ese enfoque orgámico e global aos problemas da LSC.
 
 Unha democracia avanzada ten de defender os dereitos das persoas, mesmo a expresión dunha opinión colectiva de discrepancia radical, proa a quen lle proa, sempre que se desenvolva por medios pacíficos. Nesas cicunstancias a policia non pode reaccionar senón hai danos ou  riscos graves para as persoas, os servizos públicos ou o patrimonio público e privado e, mesmo nesas circunstancias, medíndose moito dentro dos criterios da proporcionalidade. 
 
 Quen, logo dunha reforma desta caste, agreda fisicamente ás forzas policiais habería pagar polos seus actos, mesmo cunha penalidade agravada, mais non tan gravosa como as dos vixentes e desproporcionados (en termos europeos) delictos de atentado, resistencia ou desobediencia do CP vixente.
 
 Por outra banda, cando as ordes xurisdicional penal ou  contencioso-administrativa  xulguen procesos no eido da seguranza cidadá os relatorios dos policías e outras Autoridades ou axentes da Autoridade haberían ser avaliados de xeito conxunto co resto das probas, sen lles dar ningunha caste de presunción, senón considerándoas manifestacións de funcionarios neutrais e especializados que, porén, haberán de enfrontar as regras xerais de análise da proba, mais que non poderán prexulgar de xeito ningún o resultado do proceso.
 
 Esta  reforma  parcial da CP e da LSC só precisa dunha lei orgánica que as modifique, para o que abonda coa maioría da investidura de 2019. Se non o fan o PSOE e a UP é que non queren ou non son quen a facelo.  

Váter público simbólico colocado en Praza do Toural en contra da 'Lei Mordaza'.
Váter público simbólico colocado en Praza do Toural en contra da 'Lei Mordaza'.
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.