Temas: DVICIO

O polbo galego viaxa a Barcelona a todo vapor

O innovador produto galego de polbo cocido ao vapor esperta moita curiosidade entre os asistentes a Alimentaria, o Salón Internacional de Alimentación e Bebidas que se celebra estes días en Barcelona. O seu artífice defende a marca "polbo" e non a de "pulpo" que defende unha minoría.

Por GC Tendencias | Barcelona | 01/04/2014 | Actualizada ás 11:00

Comparte esta noticia

GC Tendencias falou con Daniel Atanes, que actualmente está alí para representar A Pulpeira, unha marca da empresa Frigoríficos Arcos, con sede en O Carballiño, dedicada á venda de polbo dende hai máis de cen anos.

Posto de A Pulpeira na feira Alimentaria de Barcelona
Posto de A Pulpeira na feira Alimentaria de Barcelona

Cando a finais de 2013 Daniel e o seu irmán empezaron a vender polbo cociñado ao vapor, sorprenderon ata ao seu propio pai, tamén polbeiro. “Pero agora está encantado” afirma Daniel. “O uso do vapor potencia o sabor e conserva mellor as propiedades nutricionais que o polbo cociñado en auga. É un produto de alta gama, dunha calidade moi alta.” 

 

Iniciativas como as de A Pulpeira significan que o polbo non só ten que consumirse na feira, como marca a tradición. Agora tamén pode consumirse na casa dun xeito sinxelo e cómodo.

 

Así, o polbo ao vapor pódese mercar en bolsa ou en prato de madeira; o consumidor só ten que quentalo e engadir sal, aceite e pemento. Precisamente esta facilidade que ofrece o polbo precociñado esixe un cambio nos hábitos do consumidor galego: “A xente recea de quentalo; é unha barreira que hai que superar.” Non en van, hai máis mercado de polbo fóra de Galicia que dentro. 

Posto de A Pulpeira na feira Alimentaria de Barcelona
Posto de A Pulpeira na feira Alimentaria de Barcelona

 

"Algo tan noso"

Daniel  comprácese do éxito comercial de “algo tan noso” como é o polbo, que non pulpo: “Eu estou completamente de acordo coa decisión da Real Academia Galega” declara Daniel, en referencia á negativa da RAG a admitir o termo español pulpo. “Polbo debe quedar, e non debemos avergoñarnos” incide Daniel, en referencia aos dobres sentidos, e engade con humor: “Mira, aquí en Cataluña non teñen problemas por poñer ‘pis en venda’!”. 

O polbo cocido ao vapor de A Pulpeira estará presente en Alimentaria ata o 3 de abril na Fira Barcelona, no stand da Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia.

Temas: DVICIO
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta