Celulosa comestible

Vendo a dedicación da Xunta de Feijóo para encontrarlle usos ao eucalipto, e vendo a necesidade extrema de producir alimentos no territorio propio, a un non lle sorprendería que alguén estivese a investigar a fabricación en ENCE de celulosa comestible.

Por Marcelino Fdez. Mallo | A Coruña | 14/12/2021

Comparte esta noticia
“As concentracións de gases de efecto invernadoiro na atmosfera volveron marcar un novo récord o que impulsa o planeta cara a un territorio descoñecido, con repercusións de grande alcance para as xeración actuais e futuras”. Esta frase suficientemente ilustrativa pode encontrarse no balance climático provisional 2021 da Organización Meteorolóxica Mundial.
 
Este ano 2021 que estamos a piques de despedir confirma o negro diagnóstico: batéronse as marcas históricas de temperatura no mundo, 54,4º noDeath Valley de California, e en Europa, en Siracusa, Sicilia, onde os termómetros acadaron os 48,8º; choveu na cima máis alta de Groenlandia; o Ártico observou a menor superficie xeada desde que esta variable se está a medir; eventos meteorolóxicos de inundacións, seca ou incendios superaron as magnitudes coñecidas ata o momento.
 
O efecto sobre terras e cultivos é inmediato e semella transcendente. Ábrense dúbidas importantes ao respecto das capacidades de produción de miles de explotacións nun futuro máis ou menos próximo. Ante tal incerteza, moitos países deciden reter os seus produtos co fin de garantir a satisfacción da demanda local. A necesidade de reducir as emisións de CO2 que se derivan do transporte de mercadorías supón unha restrición máis. Os mercados pregúntanse se a provisión de produtos básicos está asegurada. Namentres, os prezos deses mesmos produtos non deixan de subir, nalgúns casos por riba do 50% anual. Ante tal escenario, os economistas e os políticos empezan a cuestionar o paradigma da globalidade e promulgar o retorno á produción próxima.
 
Cal é a situación de Galicia ante o panorama descrito nos parágrafos anteriores? Mesmo tentando non alarmar, hase dicir que a posición de partida de Galicia resulta a peor posible. O abandono do rural acadou no país uns niveis non vistos en ningún outro lugar de Europa. As cifras non admiten discusión: como xa mencionamos no último artigo “Espolio eólico”, mentres que en España, a superficie dedicada a produtos de consumo humano é do 25,5% da súa superficie total, Galicia reserva tan so un 3,9% a ese mesmo uso. A brutal diferenza entre as dúas cifras coincide practicamente co 20% aproximado que ocupa o eucalipto no país, unha magnitude que habería de cualificarse como descomunal.
 
A táboa adxunta (fonte: “Encuesta sobre Superficies y Rendimientos Cultivos -ESYRCE” do INE) resulta ben explícita en cultivos básicos coma os cereais, as hortalizas, froitas, legumes e oleaxinosas, e oliveiras. Isto en Galicia, un país húmido con magníficas condicións para o cultivo agrario!

 

ENCE, na ría de Pontevedra
ENCE, na ría de Pontevedra | Fonte: juantiagues en Flickr.

GALICIA

ESPAÑA

Cereais Gran

1,09%

11,98%

Leguminosas

0,03%

0,58%

Tubérculos

0,39%

0,11%

Oleaxinosas

0,00%

1,82%

Hortalizas

0,09%

0,46%

Froitas

0,66%

3,04%

Viñedo

0,85%

1,91%

Oliveiras

0,00%

5,44%

Hortas familiares

0,77%

0,21%

Suma

3,89%

25,54%

 
 
Semella indubidable o inmenso potencial desaproveitado no campo galego, inzado de eucaliptos que mesmo ocupan superficie agraria sen que ninguén o impida. E hai máis: os cultivos agroforestais para consumo humano, resultan xa rendibles na súa produción primaria, pero ademais desencadean innumerables oportunidades de industrialización ao longo das distintas cadeas de valor.
 
Tomemos o caso dos cereais, por exemplo. A partir de trigo, millo, avea ou centeo, pódense producir fariñas, pan, galletas, repostería, pasta, empanadas,tortitas, cereais para almorzar, salvados, cuscús, mesmo aceites... E son materia prima para outros moitos produtos como, por exemplo, sopas, purés, bebidas vexetais, croquetas, guarnicións ou a mesma cervexa. Un exercicio similar poderíase facer co resto de cultivos e con especies arbóreas coma oliveiras, nogueiras, castiñeiros, abeleiras, maceiras, pereiras, cerdeiras, limoeiros, etc. Nada que ver coa cadea de valor do eucalipto que se limita á celulosa, moi principalmente, e material de construción básico por moito que a Xunta pretenda buscarlle outros usos desesperadamente.
 
ALei de Recuperación da Terra Agraria de Galiciarevélase unha ferramenta potente para a mobilización das superficies abandonadas. É un paso necesario pero insuficiente. Primeiro, porque a agregación das terras tal como está a propiedade vai enlentecer o proceso. E segundo porque as terras que si teñen propietario coñecido e están sendo explotadas (infraexplotadas) son os eucaliptais; e a Lei nada prevé para a substitución de eucaliptais por cultivos de consumo humano. O día que se empezan a cortar eucaliptos e a preparar esas terras para o crecemento de especies agrarias, Galicia empezará a albiscar un futuro con certa esperanza. Iso ou ben que o I+D de Feijóo consiga a síntese da celulosa comestible.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Marcelino Fernández Mallo Economista coruñés con ampla traxectoria no sector financeiro galego e no mundo Internet. Colaborou con medios de distinta liña entre os que cabe salientar Vieiros, a Radio Galega e Xornal de Galicia. É autor das novelas Pallarega, A trenza ou Klásicos. Mantén o blog Atrenza.
@pallarego