Por Europa Press / Redacción | ROMA | 16/12/2021 | Actualizada ás 14:57
O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, manifestou a súa "esperanza" de que o Papa visite a cidade en 2022 no marco do Xacobeo, tras a reunión mantida co Pontífice no Palacio Apostólico con motivo da visita 'ad Limina' a Roma dos bispos españois das provincias eclesiásticas de Santiago de Compostela, Oviedo, Burgos, Pamplona e Tudela e Zaragoza.
Barrio precisou que o Papa ten "interese" en visitar a cidade de Santiago pero deixou claro que a axenda internacional do Pontífice "depende de moitas circunstancias". "Hai que recoñecer que neste momento no que estamos agora hai que ter moitos factores en conta", asegurou Barrio á saída da reunión no Vaticano co Papa enmarcada na visita 'ad limina' dos bispos españois.
Por iso, insistiu a título persoal que cre que o Papa "ten interese" en visitar Santiago, aínda que matizou que isto non quere dicir que ese desexo o poida realizar ao 100% dadas as circunstancias actuais. "Eu teño toda a esperanza de que veña", asegurou tras a reunión no Palacio Apostólico na que tamén participaron os bispos españois das provincias eclesiásticas de Oviedo, Burgos, Pamplona e Tudela e Zaragoza.
De feito, revelou que o Papa lle preguntou "con moito interese" sobre o Ano Santo e, en concreto, sobre "como está a influír a pandemia na celebración do Ano Santo". "E díxenlle que mellor do que pensabamos", sinalou Barrios para afirmar que 163.000 peregrinos recibiron a compostelá no período que vai de xullo a outubro deste ano.
Deste xeito, reivindicou o camiño de Santiago como un exemplo de "convivencia" e destacou que a sociedade necesita "algo que axunte" non que "uniforme" para tratar de dar resposta á crise. "O camiño de Santiago é unha realidade de encontro que hoxe máis que nunca necesitamos na nosa realidade", dixo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.