Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 30/12/2021 | Actualizada ás 21:50
A Unión Europea lanzou unha serie de avisos a España ante o deficiente tratamento de augas residuais. A comezos de decembro de 2021 a UE decide levar ao Estado español diante do Tribunal de Xustiza da Unión Europea “pola deficiente aplicación da directiva europea sobre nitratos”. Entre outros factores estaba a mala calidade da auga saturada de compoñentes químicos que evitaban a absorción de osíxeno co risco de morte para a fauna acuática. A situación vólvese máis complicada cando as administracións consideran a construción dunha EDAR como un gasto difícil de asumir, de aí que en numerosas accións deste tipo sexan dous ou máis os estamentos públicos que participen na creación de sistemas para a depuración e limpeza de augas residuais.
O ESTADO DA AUGA
“España é dos estados que máis incumpre coas normativas europeas sobre auga, isto provocou numerosos avisos da UE avisando da falta de compromiso no marco europeo da auga” di Fins Eirexas de ADEGA. “Existen grandes deficiencias pois moi poucas estacións depuradoras teñen instalado o sistema terciario que elimina os químicos disoltos en auga” apunta Cristobal López de Ecoloxistas en Acción, EEAA.
Un dos casos máis sonados en canto construción dunha estación depuradora foi o da EDAR de Lagares, perto de Vigo. Durante o goberno bipartito PSdeG-BNG na Xunta houbo diferentes polémicas en canto a ubicación da mesma e como debera desenvolver o seu labor. Non foi até o 2017 en que comezaron as probas para a súa posta en marcha. Recentemente, o Concello de Foz e a Consellería de Infraestruturas deron os primeiros pasos para licitar a EDAR para a localidade mariñá, cando o acordo para a construción se asinara en 2016.
“En Pontevedra a EDAR de Praceres quedou pequena ante a presión poboacional e agora xa van dez anos sen darlle unha solución” sinala López. “O deseño dunha estación depuradora pode levar dez anos de atraso ante as previsións de crecemento da poboación” di López. “A depuración en moitas partes de Galicia está ausente e o peor é que os datos non se fan públicos” destaca Eirexas en canto que publicamente non se dan a coñecer datos sobre o estado da auga en Galicia.
Segundo os datos de Augas de Galicia, dependente da Consellería de Infraestruturas, a provincia con maior número de estacións depuradoras é A Coruña, seguida con diferenza pola de Pontevedra, a continuación Lugo e por último Ourense, esta última con trece mentres Lugo conta con 26, o dobre. Alén do número de depuradoras, o estado das augas galegas, segundo asociacións ecoloxistas consultadas, precisa dun investimento maior para poder entrar nos parámetros esixidos pola UE.
CONSTRUCIÓN DAS EDAR
A instalación da nova EDAR para Santiago de Compostela foi unha cuestión política que chegou a afectar aos diferentes gobernos municipais até a resolución definitiva. “A ampliación desta estación de tratamento quedou ao aveiro de posicionamentos políticos que finalmente acabou en liorta política” sinala Fins Eirexas. Finalmente, o lugar elixido foi aquel proposto nun inicio, A Silvouta. Para a construción desta infraestrutura precisáronse das sinaturas da sociedade estatal Aguas de las Cuencas de España (ACUAES), Concello de Santiago e Xunta de Galicia. O investimento previsto segundo ACUAES é de 68 millóns de euros e a capacidade de acción está prevista para 277.000 persoas. Os orzamentos estarán cofinanciados con fondos Next Generation.
“Hai falta de vontade política para afrontar esta problemática coas augas residuais, tamén falta sensibilidade social e ambiental” declara Cristobal López. “Teñamos en conta que moitas das augas denominadas residuais en realidade son moitas veces unha mestura de augas pluviais, residuais e industriais, que deberan ser tratadas por separado”. Non é de extrañar para Ecoloxistas en Acción que a falta de depuradoras se resolva ás veces con emisarios submarinos que “reflicten unha visión curtopracista para um problema grave”.
No Informe sobre EDARS de Ecoloxistas en Acción, Augas de Galicia rexistrou un total de 159 EDAR das que 19 rexistraron “varias non conformidades”, en base á directiva 91/271/CE sobre auga. A interpretación que sacan disto diferentes colectivos ambientalistas é que este informe reflicte esa falta de sensibilidade tanto política como social ante o problema da auga.
Os custos que implica o tratamento de auga poden corrixirse cun cambio de modelo. “O sistema actual non serve primeiro pola dispersión de poboación, o alcantarillado moitas veces só queda na vila principal e á parte, debe cambiarse o sistema tecnolóxico de tratamento” sinala Eirexas. A isto engádese que as EDAR consomen electricidade e a factura da luz incrementaríase para todos e todas. “A ningún político lle interesa aumentar a tarifa da luz”. E aínda así, as multas e sancións da UE tamén as paga toda a poboación.
A última esperanza consiste en levar adiante políticas de prevención para evitar a polución do líquido elemento. Desta maneira, levantar infraestruturas para a depuración sairía menos caro. “Realmente estes servizos así como os médicos deberan estar fóra das liortas políticas” sinala Eirexas.
Contactouse coa Consellería de Infraestruturas para esta reportaxe e até o momento non contestaron. Por outra parte, ACUAES enviou unhas notas de prensa anunciando as actuacións en Santiago (Silvouta), en Foz, Poio e Sanxexo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.