A Fiscalía rebaixa a entre 12,5 e 7,5 anos de cárcere as penas pedidas para os acusados do narcosubmarino

Descartou achacarlles un delito de pertenza a organización criminal.

Por Europa Press / Redacción | PONTEVEDRA | 17/12/2021 | Actualizada ás 14:54

Comparte esta noticia

A Fiscalía rebaixou a entre 12 anos e medio e sete anos medio as penas solicitados para os sete acusados polo caso do 'narcosubmarino' interceptado en novembro de 2019 na ría de Aldán, en Cangas, con 3.000 quilos de cocaína.

Durante a última xornada do xuízo, que acolleu a Audiencia Provincial de Pontevedra e que quedou visto para sentenza, o fiscal reduciu as penas solicitadas, que inicialmente situara en 13 anos e medio de prisión para cada un dos procesados.

En concreto, pediu que se condene aos sete acusados por un delito contra a saúde pública, concorrendo o subtipo agravado de extrema gravidade en atención á cantidade da droga, pero descartou achacarlles un delito de pertenza a organización criminal ao entender que non eran os posuidores da cocaína interceptada nin os organizadores do seu traslado.

Así, reclamou unha pena de 12 anos e medio de cárcere para o vigués Agustín A.M., que admitiu os feitos e que o propio fiscal considera que exerceu como patrón do semisumerxible. Tamén demandou penas de 12 anos de prisión para cada un dos outros dous tripulantes, Luís Tomás B. M. e Pedro Roberto D. M., ambos de orixe ecuatoriana e quen tamén recoñeceron os feitos polos que foron xulgados.

Adicionalmente, pediu que Iago S.P., ao que acusa de organizar o dispositivo en terra para esperar a droga, e Rodrigo H.M., quen recoñeceu que o primeiro lle ofreceu participar nunha "descarga", sexan condenados a nove anos e medio de prisión cada un. Tamén solicitou penas de oito anos e sete anos e medio de cárcere para o pai de Iago S.P., Enrique Carlos, e Yago R.R., que considera que realizaron xestións para a facilitar a recollida da droga.

DEFENSAS

Pola súa banda, a defensa de Agustín A.M., quen pediu "desculpas" ao tribunal e a súa familia polos feitos, solicitou que a súa condena oscile entre seis e sete anos e medio de prisión.

O letrado de Luís Tomás B. M. solicitou que a pena de cárcere para o seu cliente se sitúe entre seis e nove anos e que se interese a substitución de parte da mesma pola exclusión do país, mentres o de Pedro Roberto D. M., interesouse en que non se realicen diferenzas entre outros acusados e este. Ademais, na súa alegación, ambos os procesados insistiron en que aceptaron participar na travesía por "necesidades económicas".

A defensa de Iago S.P. incidiu en que o seu cliente descoñecía a existencia do semisumerxible e asegurou que a súa participación non era indispensable para a recollida da droga, xa que Agustín A.M. "pediu axuda a cinco persoas". Por iso, reclamou a súa libre absolución ou que sexa condenado a un ano e medio de cárcere por un delito de roubo en grao de tentativa ao lembrar que nunha mensaxe co seu pai fixo alusión a "roubar cinco paquetes" de droga, o que finalmente non levou a cabo dada a operación policial.

Finalmente, os avogados de Enrique Carlos S. e Yago R.R., asegurou que "o peor erro da súa vida foi viaxar a Galicia" nos días anteriores á operación que permitiu interceptar o batiscafo, pedindo a libre absolución destes. O letrado de Rodrigo H.M. tamén pediu absolución do seu cliente ao pór en valor a súa colaboración durante a investigación.

Os acusados no banco durante a última xornada do xuízo
Os acusados no banco durante a última xornada do xuízo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta