Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/12/2021 | Actualizada ás 12:25
Galicia incorpora este sábado novas medidas para controlar a pandemia vinculadas ao pasaporte covid. Así, como medida xeral, é preciso exhibir este certificado, no caso da poboación maior de 12 anos, para acudir a restaurantes, a bares a partir das 21 horas, aos albergues de peregrinos, a discotecas e a visitar a algún paciente ingresado.
Tamén será preciso o pasaporte covid para a práctica deportiva non federada --como entrar en ximnasios e en piscinas--, para os visitantes e acompañantes a centros sociosanitarioas residenciais de maiores e de persoas con discapacidade; para visitantes e acompañantes de pacientes en hospitais de día para tratamento oncolóxico e de diálese e hoteis de pacientes; e para acceso a eventos multitudinarios ou aqueles que teñan autorizada a venda de alimentos e bebida para o seu consumo durante estes días.
Ademais, este xoves, a Xunta publicou a prórroga do certificado covid en hostalaría (para restaurantes todo o día e outro tipo de establecementos desde as 21 horas), coa novidade incorporada de que quedan prohibidos os eventos de cócteles de pé e actos de recepción con aperitivo. Cabe lembrar que en hostalaría se reduciron as mesas a oito comensais en interior e 15 en terraza.
Esta medida en concreto entrará en vigor a semana que vén, é dicir, os cócteles que estivesen de antemán programados para estea fin de semana --do 18 e 19 de decembro-- están permitidos, de maneira que se endurecen as medidas para as datas festivas do Nadal.
Todas as medidas do Diario Oficial de Galicia estarán vixentes ata o 18 de xaneiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.