San Lázaro saca as unllas

Dende o día 5 de abril ata o 7 está a celebrarse a tradicional Festa das Unllas de San Lázaro, no homónimo barrio compostelán. Trátase dunha das festas máis antigas da cidade, con moita historia e tradición, pero con intención de captar tamén aos máis novos. O luns 7 é o día grande no que se celebrará a poxa das unllas, e pola noite a bailar coa Panorama. Crónica de Xosé Gago.

Por Gc Tendencias | Santiago | 07/04/2014 | Actualizada ás 02:53

Comparte esta noticia

No compostelán barrio de San Lázaro está a vivirse estes días, como é habitual cada ano, un perfecto exemplo de resistencia cultural. Dito barrio é un dos máis antigos da cidade, e actualmente, xunto ao de Conxo, un dos máis grandes. Mais tamén é se cadra un dos barrios periurbanos da cidade que máis cambiou nos últimos anos, cun desenvolvemento condicionado polo paso do Camiño de Santiago, a construción dos edificios da Xunta, do Estadio de San Lázaro, o Pazo de Congresos e máis recentemente o centro comercial As Cancelas.

buzón exvotos San Lázarp
buzón exvotos San Lázarp

Estes elementos serían suficientes para aculturizar un barrio calquera, mais non para San Lázaro. Por debaixo dos edificios institucionais e de consumo vive unha comunidade que quere manter a súa identidade, expresada a través desta festa; que incluso sabe asimilar infraestrutura posmoderna, como unha rotonda no itinerario da procesión relixiosa.

A xente da festa

Unha das mellores testemuñas da raigaña desta tradicional degustación de unllas é Lola, unha veciña que cos seus 93 anos e acabada de dar de alta no Hospital da Coruña non se quere perder a festa da parroquia.

O párroco sabe da importancia desta festa para a súa freguesía: “Eu levo aquí uns cinco anos. Moitos veciños me pediron de sacar ao santo en procesión e, como llo vas negar? Pero antes non se sacaba.” Despois da procesión, misa (en galego) ao aire libre. No sermón emprega a parábola de Lázaro para falar da crise, dos desfavorecidos, da crecente polarización social, do aumento de “Lázaros”, mentres “outros banquetean”. Ao remate, unha poxa pola imaxe do santo con fins humanitarios. O párroco levará uns cinco anos, pero para el tamén é un día importante.

A familia dos Milmanda infórmanos da evolución da festa. “Antes eran catro bares de aquí do barrio onde preparaban as unllas, agora todos se soben ao carro, dende Santa Marta ata a Zona Vella.” Porén ven con bos ollos que a festa vaia en aumento: “O hotel de alí da esquina ten que contratar persoal estes días, hai autobuses que veñen de cerca de Portugal, e os bares están cheos.” Para eles é unha cita ineludible e iso que como nos di José Nande Milmanda, “pero eu non son de aquí, vivo aquí dende hai corenta anos que casei aquí, pero eu non son de aquí, que son da parte de Vilariño, en Teo.” Nin unha boa festa fai esquecer a parroquia de orixe.

xente procesión
xente procesión

Teresa e Manolo veñen hai moitos anos dende Bama, a 16 kilómetros, a vender as súas rosquillas. Ás 14 horas están recollendo o posto porque xa venderon todo. Mentres recollen convidan a unha veciña a tomar uns grelos máis tarde.

A familia da polbeira J. Guerra non dá abasto. Unha muller corta patas de polbo sen parar co característico repiqueteo das tesoiras entre un arume a churrasco, unllas e bertóns que ás dúas e pico convida a sentar a unha mesa. O encargado nos informa que este ano non é dos mellores: “Máis ou menos igual, pero algo menos de xente que o ano pasado. Condiciona o tempo, o ano pasado estaba solleiro, e tamén que nos fai a competencia a festa da lamprea de Cesures.”

Pero no medio deste ambiente de barullo, música dos Rouba Bicos, cuncas de tinto, churros, rosquillas e globos de Bob Esponxa, salienta o negro dunha estrada. Semella que a ledicia e o consumo xerados por esta festa non son suficientes para que o Concello corte o tráfico na estrada de San Lázaro, ocasionando incomodidade para os peóns, espazo reducido para os postos e tímidas queixas dos veciños. Dúas realidades separadas por liña continua.

As orixes

A festa das unllas non é unha destas festas gastronómicas que agromaron coma cogomelos nos últimos tempos, senón que “debe ter sobre dous séculos” segundo cálculos do párroco. De certo que pese á súa antigüidade non resulta doado atopar datos escritos sobre cando empeza.

O que sabemos é que no barrio había un lazareto, unha leprosería. O día de San Lázaro, patrón dos leprosos, os veciños traían como esmola o que se podía, a parte máis barata do porco: a unlla, aí comeza todo. “O lazareto desaparece polo XVIII, así que a festa ten que ser anterior.”

Logo comezou a poxa das unllas, que segue a ser o clímax da festa. Os cartos obtidos da poxa das unllas que se doaron, destínanse a fins humanitarios.  “Antes a xente poxaba e as que levaban as deixaban nos bares. Pola noite volvíase e comíanse,” coméntanos o Milmanda. “Agora algún doa o lacón case enteiro pero antes non era máis que o pezuño,” dinos o crego. “Na poxa, cada unha se compra por tres ou catro euros...depende dos piques entre os veciños. Ademais a xente sabe moi ben as que son da casa e as que son de carnicería.”

Compostela é máis que a Zona Vella. É unha cidade bipolar que se debate entre o hipster e o agrú, entre a tradición e a posmodernidade, entre a resistencia cultural e a institucionalidade.

Luns día 7 de abril, último día da Festa da unlla de San Lázaro, o día grande. Ás 11:30 será a poxa das unllas ao carón da igrexa. Despois da misa de 19:30, fin de festa coa Panorama. 

potas pulpeira
potas pulpeira
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta