Ferrol elabora un estudo para diagnosticar a situación cultural na cidade

É a segunda cidade de Galicia con menor uso do galego, só por detrás de Vigo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/12/2021 | Actualizada ás 18:39

Comparte esta noticia

O concelleiro de Cultura de Ferrol, Antonio Golpe (PSOE), presentou os resultados do 'Estudo para a identificación e análise das necesidades e potencialidades da cultura', un traballo que "no futuro servirá de apoio á hora de planificar as políticas culturais do Concello". Así, Golpe detallou que este documento é froito da análise de fontes estatísticas oficiais e, sobre todo, dun proceso participativo que contou cunha alta implicación; oito encontros, entrevistas en profundidade e consultas a axentes socioculturais e veciños.

O edil socialista destacou que "Ferrol é o terceiro concello de Galicia en dispor dunha diagnose deste tipo", despois de Santiago e de Pontevedra. Entre os datos recóllense que algo máis de 300 persoas traballan no campo cultural en Ferrol ou que o municipio conta con 117 empresas culturais, a maior parte das cales (o 88 %) teñen un tamaño reducido (ata dous empregados). En canto ás asociacións deste ámbito, o estudo identificou a 114, entre as que predominan as dedicadas á música (45) e ao patrimonio (22).

En canto ao ámbito económico, recóllese que o Concello de Ferrol inviste ao redor de dous millóns de euros ao ano, un 4,5 % do gasto total da Administración local e 33 euros de media por habitante. No capítulo de subvencións, suman ao redor de 135.000 euros, dos que case 45.000 corresponden á modalidade de concorrencia competitiva e 90.000 ás nominativas.

Outro dos aspectos aos que se prestou atención foi a obter indicadores sobre a participación da cidadanía nas actividades culturais. As que contan con maior asistencia son as festas populares e verbenas, con ata un 67 % acoden algunha vez ao ano, seguidas do cinema, cun 48 %, os concertos (44 %), os museos (43 %) e os espectáculos de artes escénicas (38 %).

En termos xerais, despréndese dos datos que os consumos culturais son máis elevados canto maior é o nivel formativo e nos tramos de menor idade.

LINGUA

En cuestión de lingua, Ferrol é a segunda cidade de Galicia con menor uso do galego, só por detrás de Vigo, e a primeira en uso exclusivo do castelán (53 %). Na última década, o emprego do galego diminuíu, e na actualidade, no tramo de idade entre os 5 e os 14 anos, o castelán é a lingua inicial para un 86 % dos falantes, mentres que o galego sitúase nun 2 %.

A análise da programación nos tres principais espazos culturais municipais, o Teatro Jofre, o Auditorio de Ferrol e a capela do Centro Cultural Torrente Ballester, conclúe que entre 2014 e o 2019 celebráronse unha media de 200 espectáculos ao ano, dos que menos da metade (un 45 %) implicaron o pago dunha entrada.

O prezo medio dos billetes foi de 11,50 euros, mentres que o número de persoas asistentes oscilou entre as 40.000 e as 55.000 por ano.

O concelleiro de Festas e Cultura, Antonio Golpe, presenta as festas de verán de Ferrol.. CONCELLO DE FERROL
O concelleiro de Festas e Cultura, Antonio Golpe, presenta as festas de verán de Ferrol.. CONCELLO DE FERROL

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta