Novos fondos da represión franquista contra as mulleres dixitalizados pola Deputación de Pontevedra

Son expedientes, imaxes e libros da Xefatura Provincial do Movemento, a Sección Feminina e o Patronato de Protección á Muller, así como bens incautados a entidades e persoas asasinadas en Redondela.

Por Galicia Confidencial | PONTEVEDRA | 22/12/2021 | Actualizada ás 11:04

Comparte esta noticia

A divulgación e posta a dispoisción de documentación sobre a ditadura franquista por parte da Deputación de Pontevedra continúa a avanzar. Desta volta, e cun orzamento que supera os 10.000 euros, o departamento de Memoria Histórica de Pontevedra vén de contratar a dixitalización e catalogación de expedientes e fondos relacionados coa Xefatura Provincial do Movemento (XMP), a Sección Femenina e o Patronato de Protección á muller, ou a incautación de bens a persoas asasinadas e entidades do Concello de Redondela.

Asasinados na Illa de San Simón no réxime franquista.
Asasinados na Illa de San Simón no réxime franquista. | Fonte: Deputación de Pontevedra

Así, e segundo explica a deputada de Memoria Histórica María Ortega, estes tres proxectos permitirán ás persoas dedicadas á investigación afondar no estudo da represión franquista, nomeadamente na publicidade do réxime a través da mestura entre actos da XPM e da Deputación; na represión económica contra as mulleres. “Basicamente o obxectivo é facilitar a realización de estudos sobre o funcionamento da ditadura, poñendo a disposición a maior documentación posíbel., e que as persoas interesadas non teñan que acudir aos arquivos, que o poidan facer desde casa a través do ATOPO”, subliña.

Ademais, a Deputación de Pontevedra  comeza agora a dixitalizar e subir ao programa un cento de tomos que o propio gabinete da XPM elaborou coas novas que sobre esas

actividades recollidas naquelas imaxes e publicou a prensa no seu momento, axudando polo tanto a contextualizalas. Os 55 primeiros tomos 55 recollen novas da XPM entre 1956 e 1961 e os outros 45 da propia Deputación entre 1963 e 1972, cun total dunhas 13.000 imaxes.

Doutra banda, e en continuidade co estudo da represión económica que xa centrou as ‘III Xornadas Contra a Impunidade’ celebradas no mes de novembro, vense de contratar a dixitalización de 48 expedientes do Concello de Redondela (ao que pertence a Illa de San Simón) sobre incautacións de bens a persoas e entidades, que agora poderán ser consultados desde calquera ordenador. Trátase, segundo destacan de expedientes de grande importancia e interese, tales como a incautación de bens ás sociedades de agricultores de O Viso, Chapela, Cesantes ou Ventosela, a IR de Redondela, á agrupación galeguista, ou á Casa do Pobo do mesmo municipio. Tamén a persoas asasinadas como Emilia Cabaleiro Amoedo e o seu fillo Antonio (asasinados por solidarizarse con persoas fuxidas) ou Emilio Martínez Garrido, alcalde de Vigo fusilado en Pereiró.

Finalmente, e como paso previo á dixitalización, a Deputación procedeu tamén a sacar a concurso o inventariado dos fondos que o Arquivo Provincial -dependente do Estado- tiña sobre dous organismos fundamentais para estudar a represión femenina na provincia, especialmente no tardofranquismo: a Sección Femenina e o Patronato de Protección á muller.

En total vanse inventariar 123 caixas e 53 libros, para que calquera persoa interesada nesta temática saiba, grazas á web ATOPO da Deputación, que documentación existe. Así mesmo, este paso é o primeiro chanzo para poder dixitalizar os fondos que resulten de maior interese.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta