Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/12/2021 | Actualizada ás 20:00
Remata o 2021 e a Xunta de Goberno do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia fai balance da actividade realizada ao longo dun ano "complicado". Como o seu predecesor, o ano 21 quedará para a memoria como un exercicio no que o xornalismo veu marcado pola crise sanitaria, pero tamén por moitos outros elementos, como a reivindicación da igualdade de xénero, a defensa da profesión fronte a todo tipo de ataques ou a necesaria formación dos xornalistas, segundo apuntan.
As problemáticas que provocou a covid no tocante á cobertura da actualidade do día foron substantivas, destacan dende o colexio, que deu conta delas en múltiples entrevistas mantidas con distintos profesionais e que logo verán a luz nun formato libro. O Colexio tamén destaca os premiados polo galardón Somos Esenciais a Isabel Bravo e o José Couso a Manuel Rico, destacando nestas figuras "o valor do bo xornalismo nunha situación de pandemia".
"Así e todo, como temos advertido en numerosas ocasións, a presenza esmagadora da pandemia non pode facer esquecer outros retos aos que se enfrenta a profesión, entre os que a necesaria igualdade de xénero segue a ocupar un espazo principal nas preocupacións do Colexio", aseguran. De aí que destaquen a presenza nas informacións de voces expertas femininas, a "necesaria adopción dunha perspectiva de xénero" ou o compromiso na loita contra a violencia de xénero foron algunhas das reivindicacións que deron de sí a posta en marcha dun proxecto formativo.
O CPXG aproveitou tamén para lembrar o perigo que en certos caso entraña o xornalismo, rememorando así á perda de David Beriain e Roberto Fraile. "O Colexio de Xornalistas mantívose atento á situación das e dos informadores en lugares como Guinea Ecuatorial e Afganistán, mais tamén dos ataques á liberdade de información máis próximos", destacan.
Con todo, consideran que a profesión sae reforzada deste ano "complicado", en palabras do presidente do Colexio. "Nunhas circunstancias que provocaron a declaración do xornalismo como actividade esencial, e no medio dunha crise mediática de longo alcance, o labor do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia revélase máis necesario que nunca", destacan, antes de referir á d"efensa da profesión, a salvagarda do dereito de prensa e a mellora das condicións nas que se exerce o xornalismo son loitas necesarias que teñen como consecuencia unha considerábel mellora na información e na calidade democrática de toda a cidadanía"
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.