Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/12/2021 | Actualizada ás 17:51
A actriz María Mera denunciou en redes sociais a que define como a súa "primeira experiencia negativa" no Hospital Clínico de Santiago, onde denuncia que recibiu unha resposta inapropiada dun médico tras "negarse" a esperar a ser atendida "nunha sala chea de positivos covid sendo negativa". En fronte, a área sanitaria alega que se cumpriu o protocolo e que a sala era para "pacientes con sospeita".
En concreto, María Mera relatou que, previo test de antíxenos negativo, tivo que desprazarse ao Clínico para que lle realizasen unha proba, e negouse a estar á espera nunha sala "chea de positivos de covid". Ante a súa decisión e, dado que así o marca o protocolo do circuíto respiratorio, un médico dixéralle: "Quéixate ao teu amigo Feijóo".
Na súa conta de Instagram, a actriz remarca que se vota para que se xestionen "o mellor posible os recursos públicos para os cidadáns". "Non somos amigos de políticos, de ningún partido político", engadiu, antes de incidir en que ve "grave" a actitude do médico.
"Suponse que nos van atender na sanidade púbica segundo a quen vote a xente? Sei que é un caso illado e que o persoal sanitario está esgotado dun esforzo inmenso por esta pandemia. Pero o que me dixo hoxe este médico é unha falta de responsabilidade e profesionalidade. Por ser un personaxe público non son nin máis nin menos que ninguén. Decepcionada", concluíu.
"SEGUIUSE O PROTOCOLO ESTABLECIDO"
Pola súa banda, a área sanitaria de Santiago trasladou que neste caso actuouse de acordo co protocolo establecido para casos como o da actriz.
A sala de espera, trasladou a Europa Press, é "para pacientes con sospeita e cumpre coas medidas de seguirdad, como o uso de máscara e distancia".
Conclúe a área sanitaria que a paciente, "no caso de pór unha reclamación, recibirá as explicacións pertinentes".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.