O PSOE de Ourense acusa a PP dunha "desfeita ambiental" por realizar "un arboricidio" no río Barbaña

Os populares aseguran que "seguirán limpando con autorizacións pertinentes".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/12/2021 | Actualizada ás 18:58

Comparte esta noticia

O Partido Socialista de Ourense acusa o Partido Popular de "aproveitarse dunha autorización" de limpeza e mantemento para "levar a cabo unha desfeita" e unha talla indiscriminada de árbores que considera "un arboricidio que rompe o ecosistema do río Barbaña".

Os socialistas presentaron unha batería de iniciativas tanto no Parlamento galego como no Concello de Ourense para "denunciar a desfeita ambiental" que, aseguran, realizou a concellaría de medio ambiente e o seu titular, o popular Jorge Pumar, no río Barbaña.

A formación pide á Xunta "vixilancia e sanción ambiental", que "non mire para outro lado" e que "proceda a depurar as responsabilidades polo arboricidio labor". Así pois, trasladaron que o PP solicitou a autorización á Confederación Hidrográfica Miño Sil para unha serie de actuacións consistentes na limpeza e mantemento do Barbaña, e incluía nelas a roza da zona, pero denuncia que o titular da concellaría "aproveitou a autorización para facer unha desfeita".

Deste xeito, a parlamentaria autonómica Carmen Rodríguez preguntará pola situación na Cámara autonómica antes de pór o foco en que, "mentres, o Goberno central publicou no BOE unha actuación con fondos europeos para un proxecto de saneamento neste mesmo río".

Tamén sobre os fondos Next Generation falou a viceportavoz do partido no concello de Ourense, Natalia González, para remarcar que neses fondos hai "unha apartado clave", o de revalorización da biodiversidade nos leitos fluviais, polo que instou ao concello a solicitalo.

RESPOSTA DO PP

A réplica do Partido Popular consistiu en confrontar que "mentres os socialistas instan", eles "traballan". Así, cuestionaron que realmente o PSOE "saiba como estaba o río" previamente e expoñen que seguirán limpando con autorizacións pertinentes, atendendo ás demandas veciñais e "traballando por conservar a biodiversidade, a seguridade e a salubridade dos ríos da cidade".

"Se desde o PSOE queren instar, que insten o seu partido en Madrid a terminar a depuradora de San Cibrao para poder rexenerar o río como se merece", resolveron os populares.

A ribeira do Barbaña ao seu paso por Ourense despois dos traballos de 'limpeza'.
A ribeira do Barbaña ao seu paso por Ourense despois dos traballos de 'limpeza'. | Fonte: Amigas das Árbores Ourense

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta