Pontevedra fixa para 2023 a restauración ambiental da Xunqueira de Alba

A demolición das instalacións durará uns catro meses e a restauración da zona ten un prazo de dous meses.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/12/2021 | Actualizada ás 15:22

Comparte esta noticia

A xunta de goberno da Deputación de Pontevedra aprobou o encargo á empresa Tragsa para levar a cabo a restauración ambiental da Xunqueira de Alba, segundo informaron a presidenta, Carmela Silva, e o vicepresidente, César Mosquera. Trátase dunha actuación cun orzamento de 3,6 millóns de euros, "un investimento imprescindible ", valorou a presidenta.

Espazo natural de Xunqueira de Alba, en Pontevedra
Espazo natural de Xunqueira de Alba, en Pontevedra | Fonte: arquivo

A actuación prevista arrincará coa demolición das edificacións e instalacións do Parque de Maquinaria e da Imprenta Provincial. Posteriormente, proseguirá coa rexeneración ambiental dos terreos que actualmente ocupan (pendente dun informe sectorial de Costas) e a construción dun novo Parque de Maquinaria no polígono de Outeda-Curro. En xaneiro empezará a súa construción, cun prazo estimado de oito meses de obras, que xa contan coa licenza urbanística aprobada polo Concello de Barro "que foi absolutamente colaborador", recoñeceu Carmela Silva.

PRAZOS

A demolición das instalacións da Xunqueira durará uns catro meses e a restauración ambiental da zona ten un prazo de dous meses. "A inicios do ano 2023 estaría construído o Parque de Maquinaria en Barro, feito o traslado e rexenerada a Xunqueira de Alba", anunciou a presidenta da Deputación de Pontevedra.

O novo Parque de Maquinaria ocupará unha superficie de 8.762 metros cadrados e contará cun taller xeral (cunha planta rectangular de 700 metros cadrados), unha zona de almacén para as brigadas, o edificio administrativo e outro almacén xeral para a Deputación de 450 metros cadrados.

"É unha construción moderna que se realizará baseándose nos principios de sustentabilidade", comentou Carmela Silva. Igualmente vanse "reutilizar" algúns dos materiais que actualmente están na Xunqueira como son as marquesiñas ou o peche perimetral da parcela, entre outros elementos.

César Mosquera explicou que toda a fronte deste terreo vai quedar "liberado" á espera de que fagan o mesmo outras administracións como a Consellería de Medio Ambiente cos edificios lindeiros que son da súa titularidade, ou coa parcela do Ministerio de Fomento e a da Dirección Xeral de Tráfico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta