Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/04/2025 | Actualizada ás 11:02
A Dirección Xeral de Tráfico (DGT) comezará este luns, día 7, unha campaña de control de velocidade que incidirá especialmente nas estradas convencionais e nas vías urbanas. A iniciativa ten como obxectivo conseguir unha maior redución da velocidade media e manterase durante toda a semana, ata o domingo, día 13. Segundo informou a Delegación do Goberno nun comunicado, a campaña será coordinada polas xefaturas provinciais de Tráfico e usará o máximo de medidas posible, co aviso, cando sexa posible, da existencia de controis mediante os paneis de sinalización variables e nas pantallas alfanuméricas dos vehículos da Agrupación de Tráfico.
A DGT tamén contará co apoio das diferentes policías locais dos concellos no seu ámbito de actuación. Os controis velarán polo cumprimento dos límites xenéricos e específicos de velocidade, velocidade en adiantamento e distancias entre vehículos. En 2024, un total de 39.168 condutores perderon en Galicia 95.388 puntos do permiso de condución pola comisión de 40.588 infraccións graves de exceso de velocidade. Deste total, 1.267 persoas cometeron as sancións que levan a perda de seis puntos, as de maior gravidade.
CAMPAÑA DO PASADO ANO
Durante os sete días de campaña de vixilancia e control de velocidade da DXT entre os días 15 e 21 de abril do pasado ano, controlaron a velocidade a 155.363 vehículos en Galicia. Do total de vehículos controlados 9.557 persoas resultaron infractoras e, por tanto, denunciadas por exceso de velocidade. Por provincias, na da Coruña houbo 1.573 infraccións, na de Lugo 5.779, na de Pontevedra 1.206, e na de Ourense 999.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.