Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/12/2021 | Actualizada ás 13:32
A Consellería do Mar aprobou un total de 156 plans de xestión de recursos específicos para o próximos tres anos -entre 2022 e 2024- que regulan a extracción por parte dos profesionais do sector de recursos como o percebe, a navalla, o ourizo de mar, as algas e as anemones.
Trátase dos primeiros plans de xestión de recursos específicos cunha vixencia trianual, publicados este venres no Diario Oficial de Galicia, en cumprimento do decreto polo que se regula o réxime de conservación e explotación dos recursos marisqueiros e das algas.
Dos 156 plans de xestión aprobados, 149 corresponden a confrarías de pescadores ou entidades asociativas do sector e sete a empresas que se dedican á transformación ou comercialización de algas mariñas.
Por provincias, a que conta con máis plans é A Coruña, con 82,seguida de Pontevedra, con 56, e Lugo, con 15. A eles engádense tresplanes que teñen autorizada a recollida de algas nun ámbito supraprovincial.
Por recursos, o que conta con máis plans aprobados é o percebe, con 37, seguido das algas (28), dos solénidos e dos equinodermos, con 25 cada grupo, das anemones (20), dos poliquetos (18) e da peneira (3).
CREACIÓN DE EMPREGO E ECOLOXÍA
Estes primeiros plans de xestión de recursos específicos trianuais contan con obxectivos biolóxicos, ecolóxicos, económicos e sociais. No caso dos socioeconómicos, segundo a Xunta, buscan a mellora dos ingresos e o mantemento ou creación de emprego mediante a incorporación de novos profesionais para dinamizar a economía na costa galega.
A previsión para o ano 2022 é de incorporar un máximo de 76 novos participantes aos plans de xestión a pé e o outorgamento de novas modalidades a 62 embarcacións e 223 habilitacións (tripulantes) no caso dos plans desde embarcación, o que suporía a creación de arredor de 300 postos de traballo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.