Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 09/01/2022
Malia as grandes remudas sofridas na Galicia e no mundo despois da súa morte é abraiante a actualidade do seu pensamento político. Soubo distinguir entre os seus alicerces ideolóxicos ( defensa da soberanía galega e do noso dereito a decidir) e a praxe estratéxica da conquista do Estatuto de Autonomía como solución do seu tempo ao encaixe autónomo de Galicia no Estado español. Defendeu un nacionalismo galego cívico e democrático, pacífico, integrador, europeísta e universalista, afastado de supremacismos e imperialismos. E, xa que logo, apostou pola unión confederal de Galicia, Euskadi, Catalunya, Castela e Portugal como parte constituínte duns Estados Unidos de Europa que construirían unha Unión Mundial dende valores de paz, humanismo, cooperación, multilateralidade e multipolaridade.
Comprendeu tamén Castelao cuestións tan actuais hoxendía como a importancia de construir economía, Nación e sociedade democrática dende a industrialización e desenvolvemento económico baseado nos potenciais endóxenos galegos , a virtualidade do cooperativismo ou a importancia da recuperación do Dereito Civil galego. Defendeu sempre os valores da democracia liberal e refugou de solucións autoritarias de esquerda ou dereita, nunha época onde esa actitude política non era maioritaria..
Castelao é o grande líder pragmático que, canda Alexandre Bóveda, é quen de facer dun Partido Galeguista transversal e interclasista a vangarda que fixo posíbel conducir outras forzas políticas e sociais cara á aprobación plebiscitaria do Estatuto (28 de xuño de 1936) cun millón de votos favorábeis (case o 74% do censo electoral), superando os inxustos requisitos impostos polos gobernos republicanos de Azaña e Casares Quiroga.
No exilio bonarense Castelao fixo moitísimo con moi pouco. Soubo construir a alianza GALEUSCA con vascos e cataláns, dirixida a sobardar o marco constitucional republicano de 1931 para artellar unha República federal plurinacional. Constituiu o Consello de Galiza (novembro de 1944) cos deputados Elpido Villaverde, Alonso Ríos e Suárez Picallo, como institución fideicomisaria da vontade cidadá galega expresada nas eleccións de febreiro de1936 e no plebiscito estatutario de xuño de 1936. E ésta institucionalización da vontade cidadá galega foi chave para que accedese como ministro representante de Galicia como país no Goberno republicano no exilio de José Giral (1946-47).
O pensamento e a praxce política de Castelao seguen vixentes.