Por Galicia Confidencial | Compostela | 13/01/2022 | Actualizada ás 11:43
A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS), fai un chamamento xeneralizado á participación da cidadanía e, moi especialmente, aos doantes dos grupos sanguíneos 0 Positivo, A Negativo e A Positivo.
As xornadas festivas xunto coa situación actual da pandemia, con case 60.000 casos activos, repercuten nos niveis de reservas dos distintos grupos sanguíneos, polo que resulta preciso reactivar o permanente chamamento á doazón. Cómpre lembrar que os hospitais galegos precisan entre 400 e 500 doazóns diarias para levar a cabo axeitadamente o seu labor asistencial.
"En moitos dos labores asistencias que se realizan a diario nos hospitais de Galicia son imprescindibles os compoñentes sanguíneos", apunta o Sergas nun comunicado. Así, destaca que, en ocasións pode baixar o número de doazóns, como nas circunstancias actuais, pero non acontece o mesmo coa demanda de sangue e os seus derivados que necesitan os centros sanitarios.
DOAZÓNS
"Por iso, é imprescindible a xenerosidade e altruísmo de todos os cidadáns, polo que ADOS solicita un esforzo especial para incrementar as reservas de sangue", engade. Pode doar sangue calquera persoa maior de idade, que pese máis de 50 quilos e que non padeza nin teña padecido enfermidades transmisibles polo sangue.
As distintas unidades móbiles da Axencia de Doazón de Órganos e Sangue visitarán nestes días máis de 40 concellos galegos para conseguir as doazóns precisas que garantan o desenvolvemento do gran labor asistencial dos distintos centros sanitarios de Galicia.
Así, o xoves 13 estarán en Pontedeume, C.FP Cruz Vermella (A Coruña), Praza Conchiñas (A Coruña), Padrón, Noia, Meaño, Alcampo-Coia (Vigo), Navia (Vigo), Praza Maior (Lugo), Xinzo de Limia. O venres, no Centro Comercial Odeón (Narón), C. FP Cruz Vermella (A Coruña), Praza Conchiñas (A Coruña), Obelisco (A Coruña), Noia, Padrón, Vilagarcía, Ponteareas, Valadares (Vigo), Viveiro, Lalín e o sábado no Centro Comercial Odeón (Narón), Obelisco (A Coruña), Noia, Vilagarcía, Ponteareas, CC As Termas (Lugo).
Ademais, tamén se pode doar sangue nos locais de doazón existentes nos hospitais das sete grandes cidades galegas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.