Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 20/01/2022 | Actualizada ás 22:00
As residencias de maiores, sobre todo as privadas ou de xestión privada con titularidade pública, foron un dos sectores máis afectados polas diferentes vagas de COVID. O número de mortes rexistradas en Galicia segundo datos do IMSERSO até o 14 de xaneiro de 2022 era de 816 persoas falecidas. A 19 de xaneiro de 2022 segundo as consellerías de Sanidade e Política Social, o número de persoas contaxiadas en residencias é de 555 casos positivos, unha semana antes eran 412. Asociacións profesionais e de familiares de usuarios non están de acordo con algunhas afirmacións achegadas pola Consellería de Política Social.
POSITIVOS E FALECIDOS
O pasado 18 de xaneiro Galicia Confidencial contactou coa Consellería de Política Social para ter coñecemento sobre o actual estado das residencias, polo menos públicas, en cando contaxios COVID. Até ese día tanto o departamento que dirixe Fabiola García como o SERGAS contabilizaban 412 positivos. “Sabemos que non se fan test a quen non presenta síntomas, por tanto, pode haber moito positivo sen descubrir” sinala Pepe Bernárdez, membro da asociación de familiares de usuarios Vellez Digna.
O día 19 de xaneiro, Sonia Jalda, da asociación de Traballadoras de Residencias Galegas, TREGA, sinalaba antes de coñecérense as cifras da Xunta: “Só en Bembrive (Vigo) hai 10 positivos, en Cáser de Vilaboa 49, en Raiola de Santiago outros 49, en Divina Pastora de Vilagarcía hai 25, e Ribadumia e Aldán con oito cada unha”. Jalda considera que estes números sumados aos positivos doutras residencias fai superar a cantidade de contaxios que notificaba a Xunta o día 12 de xaneiro. Unha semana máis tarde, efectivamente, de 412 pasouse a 555 casos, un incremento de 143 positivos en sete días.
Sobre o número de falecidos en residencias, as pescudas dentro das web de organismos ligados á Xunta de Galicia non aclaran este dato. Non obstante, segundo as estatísticas do IMSERSO, o número de persoas usuarias mortas por COVID en residencias era de 816 até o 14 de xaneiro de 2022.
PREVENCIÓN
As residencias “teñen sido prioritarias á hora de vacinar, sendo os primeiros en recibir as tres doses de vacina, que é a mellor ferramenta de prevención” di Política Social. “Desde logo que a vacinación si que evita un número elevado de falecementos” sinala Bernárdez, aínda que sinala comportamentos en residencias como cando a primeira onda cando “non se separan os negativos dos positivos”. Sonia Jalda apunta ademais: “pode haber casos sen vacinar mais estes son por patoloxías ou por novos ingresos” que entrarían sen as correspondentes doses.
Política Social notifica que se fan cribados PCR semanais aos traballadores e traballadoras de residencias, a isto súmanlle os tests de antíxenos ao persoal entre cada proba PCR. Desde Vellez Digna apuntan que en residencias como Bembrive houbo persoal de vacacións que se reincorporara sen test, “o SERGAS alegou que o test é responsabilidade de cada traballador”.
“Os test entre PCR non se cumpre, na residencia Divina Pastora de Vilagarcía hai oito profesionais contaxiados, na residencia de Aldán en Cangas pediron responsabilidades á dirección por non facer cribados” sinala Sonia Jalda. Para os test, a Xunta enviaría o material necesario para a súa realización mais a versión de TREGA é que “Aldán tiña que mercar os test, Bembrive non dicía o número de traballadores positivos até que ao final de 106 contaxiados, 25 eran traballadores”.
Ante isto, Política Social remarca que os traballadores que se reincorporan tras permisos e vacacións “fano cun test negativo”. O obxectivo destas medidas é “conxugar os dereitos dos usuarios e as súas familias co seu benestar emocional e físico (a través das saídas ou as visitas) coas mellores medidas preventivas que a evidencia científica achega”.
Por último, as queixas sobre a falta de persoal e preparado segue sendo o cabalo de batalla, sobre todo en residencias privadas. Nestas o rateo de usuarios por traballador pode ser abismal segundo relatan desde TREGA. “Chegou a haber casos dun único profesional para corenta persoas nunha residencia de Santiago, esa profesional quedou atrapada no ascensor durante un apagón, a empresa dixo que non tiña importancia, ela chamou ao 112 para que a sacaran de alí”. Así, houbo un espazo de tempo en que a única profesional non podía atender a ninguén.
Se ben a situación mellorou nalgúns aspectos grazas á vacinación e á aplicación de test, familiares e profesionais seguen criticando a falta de transparencia en residencias privadas. Seguen a denunciar a falta de persoal coa Xunta “pensando en contratar persoal sen formación para estes centros”. Isto último pon en alerta aos e ás profesionais debido ao “aumento de accidentes por non saber como mober unha persoa dependente”. Desde o punto de vista de traballadores e familias, as cousas non cambiaron tanto como se quere facer ver.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.