Aprobada a OPE docente que suma 2.628 prazas e arrincará o 18 de xuño

Feijóo ratifica que tamén se convocará un concurso de méritos para persoas interinas e que se superarán as 3.000 "prazas estables" en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2022 | Actualizada ás 16:08

Comparte esta noticia

O Goberno galego aprobou na súa reunión semanal a oferta de emprego público docente para este ano 2022, unha convocatoria que se suma á de 2021 e que supón que este ano se oferten un total de 2.628 prazas en 61 especialidades, o 87% de novo ingreso.

Ratificouno o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, nunha rolda de prensa na que concretou que as probas destas dúas ofertas se condensarán nunha única convocatoria cuxas probas se realizarán a partir do 18 de xuño.

Co fin de garantir a "seguridade xurídica", e dada a intención do Ministerio de modificar o sistema de oposicións co foco en reducir a interinidade, Galicia é unha das comunidades que, segundo verbalizou Feijóo, opta por adiantar a aprobación desta OPE "para dar tranquilidade e certezas aos opositores que levan meses preparando os exames conforme ás regras habituais".

Feijóo tamén esgrimiu que, en relación a "outros moitos lugares onde supera o 20%", a taxa de interinos en Galicia está "no 8%". E máis en detalle, entrou na convocatoria e concretou que, das máis 2.600 prazas docentes en xogo para 61 especialidades, o 87% serán de novo ingreso e as restantes, 329, de promoción interna.

REPARTICIÓN DE PRAZAS

En canto ás de novo ingreso, reiterou que 950 son do corpo de mestres, 1.269 para docentes de secundaria, 45 para profesorado de escolas de idiomas, 8 de artes plásticas e 27 para docentes do subgrupo A2 que teñan competencias para dar módulos de FP. A ese respecto, remarcou que esta nova oferta de emprego docente incluirá 144 prazas en especialidades do extinguido corpo de profesorado técnico de FP, que se convocarán cando o Ministerio concrete a nova lei de FP.

"MÁIS DE 3.000 PRAZAS ESTABLES"

Ademais, o presidente da Xunta tamén confirmou que no último trimestre do ano se celebrará un concurso de méritos para persoas interinas, adaptado ao novo decreto do Ministerio, o que se traducirá sumando a convocatoria acumulada de 2021 e 2022 en "máis de 3.000 prazas estables".

Finalmente, Feijóo concluíu a súa intervención poñendo en valor a convocatoria por parte da Xunta nos últimos anos de máis de 13.000 prazas, que permitiu renovar un terzo do persoal docente. "Somos a Comunidade con menor taxa de temporalidade docente do país, un 8% fronte ao 25% da media de España", insistiu, para concluír que o obxectivo é chegar a unha temporalidade do 6,5%.

Oposicións ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) no recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda. XUNTA
Oposicións ao Servizo Galego de Saúde (Sergas) no recinto da Feira Internacional de Galicia, en Silleda. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta