Pontón acusa a Feijóo de seguir os "bulos" da extrema dereita sobre a carne e pide solucións para o sector

A portavoz nacional do BNG destacou que o sector en Galicia "non ten un problema de calidade, que é máxima, senón de prezos, posto que está a obrigar a producir por baixo de custos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/01/2022 | Actualizada ás 19:23

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, visitou este xoves unha explotación de vacún de carne no municipio de Rois, un exemplo das 22.000 explotacións en extensivo que hai en Galicia e das que o 50 por cento son profesionais e a outra metade de autoconsumo. "E todas teñen un nexo común: que son respectuosas co medio ambiente, dan vida ao medio rural, clave na loita contra o abandono e os lumes, e producen unha carne de excelente calidade", proclamou.

Tras varias semanas xa de declaracións políticas tras as realizadas polo ministro de Consumo, Alberto Garzón, a líder nacionalista destacou que o sector en Galicia "non ten un problema de calidade, que é máxima, senón de prezos, posto que está a obrigar a producir por baixo de custos".

Unha situación, advirte, que empezou coa pandemia e que "lonxe de superarse, non deixa de agravarse no actual contexto de inflación disparada", cun incremento "exponencial" dos abonos, combustibles e da factura enerxética.

Así, achegou o dato de que nos anos 70, pagábase o equivalente actual de 6 euros o quilo e 50 anos despois, págase no "mellor dos casos" a 5 euros o quilo. "Unha situación insustentable e hai que darlle alternativa con medidas", apuntou Pontón, quen se preguntou "onde está Feijóo e onde está o Goberno galego ante unha situación insustentable que require medidas e acción para evitar que se vexan obrigadas a vender por baixo de custos".

Así, a dirixente nacionalista pediu ao presidente da Xunta que "deixe de envolverse na bandeira dos bulos, facendo seguidismo da estratexia da extrema dereita e poña en marcha solucións e medidas eficaces para garantir os prezos xustos aos produtores de carne deste país".

NON VENDER POR BAIXO DE CUSTOS

Ademais, reclamoulle que "adopte as medidas que garantan que os gandeiros non venden por baixo de custos", para o que hai que facer "cumprir" a lei de cadea alimentaria, "empezando por fixar prezos reais de produción".

A dirixente nacionalista tamén puxo o foco na mobilización das terras, para unha gandaría extensiva, baseada na vinculación coa terra e tendo en conta que hai 300.000 hectáreas agrarias abandonadas que poden ser mobilizadas para polas a disposición do sector.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, visita unha explotación gandeira. BNG
Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, visita unha explotación gandeira. BNG | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta