Satse Santiago denuncia que a xerencia do CHUS "incumpre os compromisos adquiridos" cos fisioterapeutas

A unidade de rehabilitación viu reducido o seu espazo dende hai un ano en favor da área de Cardioloxía.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/01/2022 | Actualizada ás 12:30

Comparte esta noticia

O Sindicato de Enfermaría (Satse) mostrou este luns o seu "total descontento" coa xerencia do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), ao que reclaman desde hai máis dun ano a ampliación de espazo para os fisioterapeutas que realizan o seu traballo na unidade de rehabilitación, á vez que denuncia que "incumpre os compromisos adquiridos" con estes profesionais.

Segundo explicou Satse, trátase dunha "unha unidade que viu reducido o seu espazo a favor da unidade de Cardioloxía". "Nun principio cedeuse de forma provisional como consecuencia de reorganización pola Covid-19, pero que agora xa non hai forma de recuperar", apostilou.

A través dun comunicado, Satse en Santiago denuncia que "hai case un ano" a dirección da área sanitaria compostelá decidiu cambiar a sala de Rehabilitación do Clínico de zona, para dedicala ao Hospital de Día de Cardioloxía de forma temporal. "O cambio produciuse comprometéndose cos fisioterapeutas a que terían dúas salas novas que, aínda que máis pequenas que o lugar anterior, estaban máis preto dos pacientes hospitalizados que adoitan tratar, e que, se nun curto espazo de tempo isto non se realizaba, volverían ao seu espazo anterior", sinalou.

A delegada de Satse en Santiago, Judit Fernández, afirma que, en todas as comisións de centro, a dirección contesta "dando longas e sen concretar cando pensan solucionar dita situación". "Todo indica que para esta xerencia a rehabilitación está en segundo plano", lamentou.

"Mentres tanto os fisioterapeutas están a ocupar unha sala pequena na planta 3º, onde non hai cabida para todos os pacientes que teñen que atender, polo que moitos pacientes teñen que tratarse a pé de cama, cando realmente sería necesario que fosen tratados na sala de rehabilitación, ademais ao ser o espazo tan pequeno non poden ter todo o material que deberían, e moito dese material que tiñan na sala antiga está almacenado, ao non poder utilizarse", critica este sindicato.

Para Satse esta situación "leva unha perda absoluta de calidade para os pacientes que necesitan pasar por rehabilitación" e "unha deficiencia total para os fisioterapeutas que se ven obrigados a realizar o seu traballo en condicións que non son as adecuadas".

"Como a xerencia non pon en valor o seu traballo provocando que os pacientes deixen de percibir un tratamento nunhas condicións que agora non teñen", subliña, Satse "non vai permitir que os fisioterapeutas do CHUS sigan nesta situación de precariedade" e dá un ultimato á xerencia: "Ou actúan ou nos veremos obrigadas a levar este asunto a outras instancias".

Por todo iso, Satse insiste en que os fisioterapeutas "están cansados de traballar nestas condicións" e "tiveron paciencia durante este ano por toda a situación pandémica". "Pero non entenden que se atrasen máis as obras, sobre todo cando o espazo que se utilizaría non levaría unha gran obra e melloraría notablemente a calidade asistencial recibida polos pacientes", conclúe.

Clínico, Chus. EUROPA PRESS - Arquivo
Clínico, Chus. EUROPA PRESS - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta