Por Galicia Confidencial | Lugo | 25/01/2022 | Actualizada ás 11:15
Nanotecnoloxía na loita contra a Covid e con investigadores galegos. Ese é o obxectivo do proxecto Detección rápida e automatizable para SARS-Cov-2 baseada en PCR, nanotecnoloxía e microfluídica (NANOFLUIDETEC) que investiga para o desenvolvemento dun sistema de detección de SARS-CoV-2, o virus que provoca a enfermidade COVID-19. Faino utilizando técnicas moleculares e integrando a nanotecnoloxía e microfluídica coa automatización e potencial conectividad para a súa comunicación.
O consorcio que dá vida a este proxecto está formado polos laboratorios lucenses AMSlab e AMSbiopharma; pola *biotech *Bflow, con sede en Santiago de Compostela, e polo Campus de Lugo da Universidade de Santiago de Compostela (USC).
O sistema a desenvolver, que consiste nun dispositivo eficaz compatible con métodos de diagnóstico de baixo custo, pretende ser facilmente adaptable e que esta flexibilidade permita aumentar a capacidade de resposta diagnóstica en futuras pandemias ou outras enfermidades de diagnóstico común.
"A iniciativa pretende, por tanto, a mellora dos actuais sistemas de detección baseados en PCR, tanto en rapidez, como en fiabilidade e complexidade técnica. O dispositivo final estaría pensado para o seu uso en centros de atención primaria, asistenciais ou residencias", sinalan os impulsores nun comunicado.
Point-of-care-testing (POCT) é un tipo de probas diagnósticas que ofrecen un resultado en poucos minutos, sen necesidade de enviar a mostra a un laboratorio. É unha tecnoloxía similar á dos sistemas domésticos para controlar a glicosa que empregan os diabéticos nos seus domicilios ou aos aparellos utilizados para medir o índice de coagulación do sangue, sen necesidade de facer unha extracción en vea, das persoas que están medicadas con Sintrom.
O proxecto NANOFLUIDETEC está baseado en desenvolvementos científicos anteriores e actuais do consorcio para obter un sistema que permita a detección do material xenético do SARS-CoV-2 en individuos sospeitosos de COVID-19 para simplificar o tedioso proceso de extracción do virus SARS-COV-2.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.