Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2022 | Actualizada ás 17:22
O director da Axencia Galega de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, defendeu que os convenios sucritos pola Administración autonómica para reactivar o mundo das verbenas e as orquestras foron asinados con dúas asociacións "representan ao 96%" do sector en Galicia.
Así respondeu a unha pregunta formulada pola deputada do Grupo Socialista Noa Díaz durante a Comisión 4ª do Parlamento galego, onde a parlamentaria acusou á Xunta de falta de transparencia e de repartir axudas millonarias "con pouco rigor".
Durante a súa intervención, Díaz asegurou que existe "preocupación" no sector polo destino dos fondos destinados polo departamento de Cultura da Xunta para reactivar o mundo das verbenas e as orquestras, xa que denuncian que se distribuíron "de forma discrecional".
En concreto, a deputada socialista foi especialmente crítica co acordo coa Asociación Galega de Orquestra e a Asociación de Empresarios da Música da Verbena Galega para a organización de festivais nos que participaron unhas 50 orquestras galegas.
Díaz incidiu en que as axudas excluían ás orquestras e empresas que non forman parte destas dúas asociacións, unha condición que considera "discriminatoria" nun sector "moi tocado" pola crise do covid e no que "hai músicos que se están vendo obrigados a vender os seus instrumentos".
En resposta, Sutil defendeu a transparencia dos convenios que, di, poden consultarse na Base de Datos Nacional de Subvencións.
En canto ao acordo para a organización dos festivais, ao que a Xunta dedicou un total de 840.000 euros, o director da Agadic asegurou que as asociacións asinantes representan á "abafadora maioría" do sector, á vez que remarcou que o obxectivo destas citas era "incentivar" a contratación mostrando a comisións de festas e concello as posibilidades de celebrar verbenas cumprindo os protocolos sanitarios.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.