Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/01/2022 | Actualizada ás 18:29
As lonxas galegas rexistraron a descarga de 133.000 toneladas de peixes e mariscos en 2021, o que supón un 12% menos que en 2020. Con todo, a facturación incrementouse case un 3% ata os 424 millóns de euros.
Así figura nun informe de primeira venda en lonxas analizado este xoves polo Consello da Xunta, no que se recolle que o prezo medio das vendas ascendeu a 3,20 euros o quilo, a mellor cotización media de toda a serie histórica que se remonta a 1997. Esta cifra supón un incremento do 16% (0,45 euros o quilo) sobre o valor do ano 2020.
En concreto, o informe destaca o bo comportamento na facturación do grupo de bivalvos, cefalópodos, crustáceos e equinodermos. Así, a facturación de bivalvos supuxo 74 millóns, un 11% máis que en 2020. A especie máis significativa foi a ameixa xapónica, cun prezo medio de 13,4 euros por quilo. Nos peixes, que supuxeron 290 millóns en vendas (o 68% do total), sobresae a pescada tanto en ingresos xerados como en cantidades comercializadas.
ÁREAS
No tocante a áreas, as lonxas da provincia da Coruña foron as que máis descargaron, pois representan o 38% do total de facturación. Pontevedra rexistrou o 36% e Lugo, o 26%. As lonxas da Coruña, Vigo, Ribeira, Burela e Celeiro mantéñense como as máis importantes de Galicia, co 80% do volume de descargas e o 70% dos ingresos.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.