A Xunta anuncia un plan de formación para que os traballadores da hostalaría estean "á altura do Xacobeo 2022"

Ten como obxectivo "xerar moita máis actividade empresarial" e "emprego de calidade", segundo a conselleira.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 31/01/2022 | Actualizada ás 14:25

Comparte esta noticia

A conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, anunciou este luns o próximo lanzamento dun plan de formación e profesionalización para os traballadores da hostalaría orientado ao Xacobeo 2022, co obxectivo de "xerar moita máis actividade empresarial" e "emprego de calidade".

A terraza dun bar, na praza do Obradoiro, a 9 de outubro de 2021, en Santiago de Compostela
A terraza dun bar, na praza do Obradoiro, a 9 de outubro de 2021, en Santiago de Compostela | Fonte: César Arxina - Europa Press.

Así o avanzou antes de manter unha reunión, na sede da Consellería en Santiago de Compostela, con representantes da Confederación Empresarial de Hostalería e Turismo de Galicia para trasladarlles a súa intención de "continuar avanzando na formación" do persoal do sector.

En concreto, tal e como indicou Lorenzana, este plan materializarase en cursos de todo tipo de competencias, "brandas e transversais", en materias como atención ao cliente, mercadotecnia, redes sociais, idiomas e traballo en equipo, entre outras. Estarán dispoñibles nun campus virtual.

Segundo a conselleira, o obxectivo da Xunta é apoiar o sector servizos para que "a atracción turística de Galicia sexa cada vez mellor", especialmente con motivo deste segundo Ano Santo, e que os traballadores estean "á altura das circunstancias".

Os cursos de formación, que finalizarán en setembro deste ano, están dirixidos principalmente a persoas ocupadas, aínda que se admitiu a posibilidade de que participasen desempregados --ata un 30 por cento da cota total-- e traballadores en situación de ERTE ou ERE.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta