Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2025 | Actualizada ás 19:03
O Goberno galego autorizou eximir de garantías na realización de pagos a conta nas subvencións concedidas ao amparo da orde que fixa as bases reguladoras e convoca para o ano 2025, en réxime de concorrencia competitiva, as axudas cofinanciadas polo Fondo Europeo Marítimo, de Pesca e de Acuicultura (Fempa) que contribúan a reforzar a xestión dos recursos da pesca costeira artesanal, e que están dotadas con máis de 5 millóns de euros.
Estas achegas contribúen a reducir os impactos negativos sobre o ambiente, xa que o seu obxectivo é garantir a sustentabilidade na explotación dos recursos pesqueiros e marisqueiros, asegurando a súa actividade a longo prazo con medidas de xestión baseadas en sistemas de recollida de información sobre o estado dos recursos que melloren o coñecemento sobre o medio mariño. As axudas, financiadas nun 70 % polo Fempa e nun 30 % polo Goberno galego, teñen un período de aplicación ata 2026. A distribución orzamentaria por cada anualidade repártese en 2.537.500 euros no presente exercicio e 2.536.500 no próximo.
Financiarán proxectos ás entidades colectivas sen ánimo de lucro para desenvolver medidas técnicas e de vixilancia de interese colectivo para toda a pesca costeira artesanal. Así, os posibles beneficiarios serán tanto as entidades cogestoras dos plans de xestións dos recursos mariños, como as organizacións de produtores de base do sector pesqueiro, as corporacións de dereito público de base asociativa e as entidades asociativas representativas deste réxime, todas de ámbito autonómico.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.