A Xunta quere potenciar o comercio local entre a mocidade e nas zonas urbanas e semiurbanas

Dota con 320 millóns de euros un plan estratéxico para modernizar e visibilizar o comercio local.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/03/2025 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

A Xunta aprobou o Plan Estratéxico de Comercio de Galicia 2025-2030, unha iniciativa dotada con 320 millóns de euros para modernizar, visibilizar e mellorar a competitividade do pequeno comercio galego. Un plan composto por 70 accións específicas para consolidar o comercio local como un sector "forte, moderno, sustentable, atractivo e de calidade", un sector que dá emprego a máis de 100.000 persoas na comunidade.

O Consello da Xunta, na súa reunión semanal, deu luz verde a este plan co que o Goberno galego busca modernizar e mellorar a competitividade deste sector e asegurar a substitución xeracional no comercio local galego, que conta con máis de 32.000 establecementos, segundo detallou o presidente do Executivo, Alfonso Rueda.

Pola súa banda, o conselleiro de Emprego, Comercio e Emigración, José González, debullou que a iniciativa inclúe "unha ampla batería de medidas" que buscan visibilizar e dinamizar o comercio galego, así como a creación dunha marca unificada do comercio e a aposta pola recuperación de contornas comerciais urbanos.

Ademais, o conselleiro detallou que esta folla de ruta "absolutamente estratéxica" xorde dun "intenso proceso participativo con todo o sector" --realizado en colaboración coa Federación Galega de Comercio-- no que a Xunta "colaborou con máis de 300 representantes" de federacións e asociacións de comerciantes, centros comerciais abertos, prazas de abastos, venda ambulante, grandes superficies, artesáns, autónomos, cámaras de comercio, consumidores e a Administración local.

Nesta liña, o plan tamén pon o foco en "impulsar experiencias de compra diferenciadas", así como a conexión coa mocidade para "espertar novas vocacións emprendedoras que garantan a necesaria substitución xeracional". Por unha banda, con accións específicas como a campaña 'Localízache', dirixida a que este colectivo xere vínculos de valor co comercio de proximidade.

A web de dbarrio para impulsar o comercio local
A web de dbarrio para impulsar o comercio local | Fonte: remitida

FORMACIÓN E SUBSTITUCIÓN

Entre as diferentes medidas para impulsar a competitividade do sector, o documento tamén contempla o fomento da dixitalización, a aposta pola modernización dos espazos comerciais como ferramentas atractivas de venda ou o incremento da capacitación profesional. Tamén se promoven sinerxías coa Rede de polos e atraer o talento de perfís estratéxicos como a mocidade e os galegos retornados. Garantir a substitución tamén é un dos grandes obxectivos, buscando a recuperación dos oficios tradicionais con novas iniciativas como as bolsas de aprendices en paralelo ao programa Aprender da tradición.

No que respecta ao segundo dos eixos, orientado a promover a visibilidade e o consumo no comercio local, destaca tamén a colaboración nas Áreas Rexurbe, centrado na recuperación de conxuntos históricos de vilas e cidades. Finalmente, o terceiro eixo do plan consolidará un modelo activo baseado no coñecemento e na participación de todo o sector. Con ese motivo, crearase a nova Mesa do Comercio Galego, "instrumento clave para a adecuada colaboración de todo o ecosistema e das administracións públicas". Con todo, tamén se promoverá a colaboración interinstitucional a favor do comercio coa Fegamp, as cámaras de comercio e os recintos feirais. Adicionalmente, tamén se reforzará o labor do Instituto Galego do Consumo e da Competencia a favor dos dereitos das persoas consumidoras.

ACCIÓNS DE PROMOCIÓN EXTERIOR

No marco da aposta pola internacionalización do tecido produtivo galego, o Consello tamén anunciou este luns a próxima convocatoria do Programa Foexga, que destinará preto de 2,4 millóns de euros a accións de expansión internacional das empresas galegas. Segundo detallou o presidente da Xunta, o obxectivo é impulsar durante este ano máis de cen misións empresariais ao estranxeiro. Espérase que ao redor de 400 compañías participen en accións de promoción para fortalecer a súa imaxe nos mercados internacionais.

Nesta convocatoria, Foexga inclúe máis de 90 mercados prioritarios para a acción comercial, entre os que se atopan China, India, Israel, Xapón, Reino Unido, Alemaña, Dinamarca, Marrocos, Brasil, México, Costa Rica, Emiratos Árabes, Estados Unidos ou Canadá, así como outros países para os que se xustifique a idoneidade do mercado para as empresas galegas.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta