Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2022 | Actualizada ás 13:52
O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, asegurou que o fondo de preto de 8,8 millóns de euros destinados a subvencionar proxectos de xeración de enerxía térmica con fontes renovables para distintos sectores da economía e da administración pública, estará dispoñible antes do final de marzo.
Esta convocatoria de axudas, aprobada polo Ministerio de Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), estará vixente ata decembro de 2023, indicou Miñones. Ademais, o delegado lembrou que, en "en liña coas políticas do Goberno de apoio aos municipios de Reto Demográfico", elevarase nun 5% a subvención para aqueles proxectos que teñan orixe en concellos de menor poboación.
O delegado engadiu que "en función do número de solicitudes presentadas, o Ministerio pode ampliar os fondos dispoñibles inicialmente, xa que o que se pretende é que ningún proxecto viable quede sen financiamento".
Miñones tamén apuntou que esta convocatoria é "unha oportunidade para aquelas pequenas empresas que empregan moitos recursos e custos eléctricos para manter a cadea produtiva de frío ou calor e os sistemas de almacenaxe". Nesta liña, falou de que a convocatoria ten un dobre obxectivo: "por unha banda contribuír ao proceso de descarbonización da economía e, por outra e non menos importante, diminuír os custos das empresas e aumentar a súa competitividade no comprado".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.