Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/02/2022 | Actualizada ás 17:57
Os seis humidais de importancia internacional de Galicia son parada preferente para máis de 26.000 aves acuáticas que pasan o inverno en zonas cálidas, tal e como recolle unha publicación da Consellería de Medio Ambiente sobre os exemplares migratorios que fan a ruta do Atlántico leste, e que cada mes de xaneiro escollen Galicia como morada.
A directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, que este mércores se achegou á Lagoa de Vixán de Ribeira polo Día mundial destes espazos, destacou a importancia dos humidais galegos, pois estes, se se lle suman as zonas húmidas e de litoral, "son o lugar de acubillo para un total de 124.000 aves que se desprazan miles de quilómetros e atopan aquí alimento, refuxio e descanso, antes de retomar a súa ruta".
O 'censo aves acuáticas invernantes en Galicia' recompila a información recollida nos últimos 35 anos, concretamente no período 1987-2021, sobre os exemplares que se avistaron, como mínimo nunha ocasión, en 84 puntos galegos.
Belén do Campo subliñou que Galicia é a cuarta comunidade autónoma de España cun maior número de humidais de importancia internacional incluídos na listaxe Ramsar, o citados seis: a ría do Eo e Ribadeo; o complexo das praias, dunas e lagoas de Corrubedo; a lagoa e areal de Valdoviño; o complexo intermareal Umia-O Grove; a ría de Ortigueira e Ladrido; e o Parque Nacional das Illas Atlánticas, que se engadiu á listaxe en maio de 2021. Ademais, estes espazos forman parte da Rede galega de espazos protexidos.
A modo de exemplo, destacou os valores da lagoa de Vixán, que forma parte do humidal de Corrubedo, cunha superficie de 984 hectáreas e declarado en 1993, que ten como peculiaridade o feito de ser lindeiro coa illa de Sálvora, que forma parte do último destes espazos declarado Ramsar en Galicia, o Parque Nacional das Illas Atlánticas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.