Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/02/2022 | Actualizada ás 18:05
A muller de 64 anos que había resultado ferida con graves queimaduras no incendio dunha vivenda ocorrido na madrugada do venres en Cabana de Bergantiños morreu horas despois da súa chegada ao Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).
Segundo confirman fontes da área sanitaria, faleceu ao redor das 23,00 horas do venres debido ás queimaduras de terceiro grao que afectaron ao 80 por cento do seu corpo.
O incencio ocorrido na vivenda, situada en Neaño, fixo que a Policía Xudicial da Garda Civil iniciase unha investigación para aclarar as circunstancias nas que se produciu e indagar sobre a relación da vítima coa propiedade, que estaba en vías de volver ser ocupada polos seus donos.
O lume rexistrouse na madrugada do venres, cando os veciños chamaron ao 112 Galicia tras percibir un "cheiro a combustible" e escoitar "os berros dunha persoa pedindo auxilio" na casa.
O CIAE informou a Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que enviou unha dotación para atender á muller, que presentaba queimaduras importantes en diferentes partes do corpo. A vítima foi trasladada nunha ambulancia de Soporte Vital Avanzado ao Chuac, onde acabaría falecendo horas despois.
No dispositivo foron mobilizados efectivos do GES de Ponteceso e bombeiros de Carballo para sufocar as chamas, que afectaban principalmente á parte alta da casa (cuberta baixo cuberta). Durante os labores de extinción, estes equipos puideron confirmar o forte cheiro a combustible.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.