Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 07/02/2022 | Actualizada ás 16:29
A Real Academia Galega (RAG) celebrará o Día das Letras Galegas 2022, dedicado nesta ocasión ao poeta valdeorrés Florencio Delgado Gurriarán (1903-1987), cunha programación "para todas as idades" e con especial fincapé na comarca de nacemento do homenaxeado, Valdeorras.
As actividades presentáronse este luns na sede da RAG na Coruña, da man do presidente da Real Academia, Víctor F. Freixanes, que estivo acompañado polo biógrafo e familiar do homenaxeado, Ricardo Gurriarán; e a directora do proxecto 'As Letras de Florencio', Débora Álvarez Moldes.
As iniciativas incidirán, explicou Freixanes, desde o campo da investigación ata o audiovisual, "en tres perfiles fundamentais do autor": "A dimensión como poeta e traballador da lingua que emprega o galego das terras de Valdeorras como ferramenta de creación, a de resistente democrático e a de figura fundamental do exilio mexicano".
"A ocasión permitirá celebrar o galego da Galicia oriental e a poesía dun autor que encarna a cultura popular e relaciónaa, nos anos 30, coas vangardas, cantándolles á alegría de vivir, ao viño, ás tradicións populares; e que máis adiante conecta coa poesía civil que critica o castrapo, os caciques e a visión de Galicia dos que a querían negar", destacou a institución.
Ricardo Gurriarán defendeu a "integración" que o poeta homenaxeado concitouó no exilio mexicano, no que foi "eixo vertebrador de todo tipo de actividades", e encomiou tamén a súa "aposta" por un galego "máis aló da poesía, defendendo o seu uso en todos os campos, desde a medicina ao dereito".
Débora Álvarez, pola súa banda, confiou en que as Letras Galegas 2022 sirvan tanto para "revitalizar a figura de Florencio Delgado Gurriarán como para pór en valor as terras de Valdeorras".
PROGRAMACIÓN
Segundo destacaron, a RAG --desde a experiencia da pandemia-- puxo o foco na comunicación e internet para a súa programación. Así xa ten activada na súa páxina web a sección das Letras Galegas 2022. Neste espazo xa se pode ler a biografía do poeta asinada por Ricardo Gurriarán e tamén aparecen os primeiros episodios da serie de micropezas 'Polos vieiros de Florencio', da que se estreará cada semana un novo capítulo e que, da man de distintos personaxes da cultura galega, permitirá ao público achegarse a aspectos relacionados coa vida e coa obra do autor.
Destacaron tamén 'O Portal dás Palabras', na que se acaba de estrear a sección da festa do 17 de maio e onde xa están dispoñibles tres xogos interactivos sobre o rico vocabulario da poesía de Florencio Delgado Gurriarán e un 'Allos con bugallos' sobre o léxico dos seus poemas mexicanos.
No mes de marzo, avanzou Freixanes, a RAG presentará en Vilamartín de Valdeorras a última edición do proxecto para o público infantil 'Primavera das Letras', coa participación da escritora Ledicia Costas, gañadora do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil, e a ilustradora Blanca Millán.
Informan tamén de que a Academia volverá á comarca de Gurriarán para celebrar o propio Día das Letras Galegas, cunha sesión plenaria extraordinaria que terá lugar o 17 de maio en Córgomo --a aldea do poeta--. Os discursos correrán a cargo da académica Rosario Álvarez e dos académicos Ramón Villares e Xesús Alonso Montero.
No outono terá lugar o Simposio das Letras Galegas, onde especialistas de filoloxía e historia presentarán investigacións "con novas miradas" ao universo do autor.
En canto ás publicacións, a RAG ten previsto editar o discurso que Florencio Delgado Gurriarán deixou escrito para o seu nomeamento como académico correspondente, que non chegou a producirse; e a entrevista que a antropóloga Dolores Pla lle fixo en México, unha edición anotada da que se fará cargo Ricardo Gurriarán. O historiador tamén será o responsable dunha antoloxía da correspondencia do homenaxeado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.