Verín será 'epicentro cultural da Novela Histórica' a finais de marzo

Os vindeiros 25 e 26 de marzo, a Biblioteca Municipal do Concello de Verín organizará unha nova edición das “Xornadas de Novela Histórica”. Nesta quinta edición, e baixo o título “Novas miradas na Novela Histórica”, participarán escritores e escritoras de primeiro nivel que disertarán sobre temáticas moi diversas, dentro do devandito xénero literario.

Por X.M. Fernández | Verín | 10/02/2022 | Actualizada ás 09:00

Comparte esta noticia

O evento, presentado o mércores 9 de febreiro, tivo lugar na Biblioteca Municipal de Verín e estivon presentes o alcalde, Gerardo Seoane, e os responsables da Biblioteca --tamén organizadores do evento-- Aurora Prieto e Vicente Rodríguez.

Intervención de Gerardo Seoane na presentación das V Xornadas de Novela Histórica. Foto: Prensa do Concello de Verín.
Intervención de Gerardo Seoane na presentación das V Xornadas de Novela Histórica. Foto: Prensa do Concello de Verín.

"Tras o parón obrigado pola pandemia, é todo un pracer poder estar aquí hoxe retomando un dos eventos máis importantes da axenda cultural verinesa", explicou Gerardo Seoane ao tempo que engadía: "un ano máis, a nosa biblioteca municipal converterá á vila do Támega no epicentro da novela histórica, atraendo a mirada dun total de seis autoras e autores de primeiro nivel dentro deste xénero literario".

Segundo destacou Vicente Rodríguez, nesta quinta edición, participarán --como vén sendo habitual-- escritoras e escritores de grande prestixio. As xornadas, que terán lugar no Auditorio Municipal, arrincarán o venres 25 de marzo pola mañá cunha conferencia impartida polos catedráticos de historia e novelistas José Luís Corral e José Calvo Poyato. Baixo o título “As Fake News na historia”, a charla estará moderada pola escritora María Zabay, e terá como público en exclusiva aos alumnos e alumnas dos centros de ensino de Verín.

PROGRAMACIÓN DIRIXIDA AO PÚBLICO EN XERAL

A partir do venres a tarde comezará o groso da programación tras o acto inaugural presentado por Lara Páez, en calidade de Voluntaria da Biblioteca do Concello de Verín, e pola concelleira de Cultura, Emilia Somoza.

A primeira das conferencias do venres será a do profesor e novelista Alberte Blanco Casal, que centrará a súa intervención falando sobre a batalla de Rande; reflectida na súa novela “Códice esmeralda” (editorial  Xerais, 2017). Seguidamente --e pechando a xornada do venres-- será a quenda da escritora María Zabay, quen a través da súa novela “El zapato de la lengua rota” (editorial Almuzara, 2011) trasladará aos asistentes a un momento histórico crucial para humanidade como foi o amencer do nazismo.

O sábado 26 comezarán cun segundo pase da conferencia “As Fake News na historia” dos profesores e novelistas José Luis Corral e José Calvo Poyato, esta vez, aberta ao público xeral e moderada pola escritora María Zabay. Despois intervirá o escritor, xornalista e presidente da Real Academia, Víctor Fernández Freixanes, cunha conferencia titulada “Memoria e espello de nós”, moderada polo etnógrafo e colaborador habitual da Biblioteca, Miguel Losada. A última conferencia titulada “Castellano: Castilla y los comuneros” será impartida polo escritor Lorenzo Silva. A mesma -que será moderada  por José Calvo Poyato- está relacionada coa súa novela homónima “Castellano” (editorial Destino, 2021).

Todas as sesións terán acompañamento musical da man do filólogo e profesor de música do IES Taboada Chivite, David Rodríguez Rivada, e a clausura das xornadas correrá a cargo do antropólogo, e tamén colaborador habitual da Biblioteca, Doutor Manuel Mandianes Castro. O punto final e peche corresponderalle ao alcalde de Verín Gerardo Seoane Fidalgo.

ENTRADAS PARA O EVENTO

As entradas para poder asistir ás xornadas, que terán un custo de 2 euros, poderán retirase presencialmente na propia Biblioteca Municipal, ou formalizarse realizando un ingreso na conta bancaria do Concello de Verín ABANCA: ES83 2080 5168 1431 1001 4324, debendo neste caso notificarlle o ingreso á biblioteca. a través do mail biblioteca@verin.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta