Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/02/2022 | Actualizada ás 14:20
O Monbus Obradoiro e o MoraBanc Andorra, separados por tan só unha vitoria na clasificación, disputan este sábado un partido clave pola permanencia no Multiusos Fontes do Sar, onde os visitantes chegan tras dúas vitorias de prestixio na Liga Endesa ante o Real Madrid e Joventut.
Esa reacción que tivo o conxunto do Principado tras cambiar de adestrador -David Eudal substituíu a Ibon Navarro a finais de xaneiro- contrasta cos pobres números ofensivos dun Obradoiro que non alcanzou os 70 puntos nos seus últimos dous encontros ligueiros.
Mellorar o acerto exterior, por tanto, será unha das claves para que o equipo galego teña opcións de gañar a súa primeira "final" pola permanencia, xa que catro días despois xogará outra contra o Betis, que pecha a zona de descenso.
Moncho Fernández espera un Andorra cambiado á da primeira volta porque "teñen un roster moi amplo e cambiante, con xogadores que entran e saen por lesións ou covid", aínda que entende que o estilo de xogo segue sendo "moi parecido".
"É un equipo que corre moito, que anota moitísimo desde as recuperacións. Ademais, son moi perigosos na primeira parte da posesión porque teñen moitos xogadores que poden conducir o balón e por iso deberemos ter moito coidado", avisou o preparador do Obradoiro, que ten a todos os seus xogadores dispoñibles para este choque.
O partido, correspondente á xornada 22, comezará ás 20:45 horas no Multiusos Fontes do Sar e será dirixido polos colexiados Juan Carlos García González, Juan de Dios Oyón e Cristóbal Sánchez.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.