Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/02/2022 | Actualizada ás 18:25
O centro de interpretación do parque natural Baixa Limia-Serra do Xurés, no sur da provincia de Ourense, será reformado de forma integral a través dun investimento de 600.000 euros que servirá para, entre outras cuestións, mellorar a súa eficiencia enerxética.
A actuación foi anunciada este luns pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a súa visita ao parque no municipio de Lobios no marco da promoción da campaña '7 días, 7 parques', que pretende fomentar o turismo de natureza.
Alí, a responsable do Goberno galego avanzou que os traballos no centro de interpretación do parque serán finaciados con fondos europeos de recuperación e consistirán na mellora da envolvente térmica do inmoble "para optimizar a súa eficiencia", segundo recolle un comunicado.
Baixa Limia-Serra do Xurés é un do seis parques naturais que, xunto co Parque Nacional marítimo terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, ocupan 58.000 hectáreas que albergan 62 rutas por 400 quilómetros que poden facerse a pé ou en bicicleta.
A campaña, presentada en Fitur o pasado mes de xaneiro, ofrece unha recompensa dun fin de semana para dúas persoas nun establecemento turístico para as 20 primeiras persoas que visiten cada un do sete parques antes do 30 de setembro. Para participar, os interesados deben achegarse aos centros de visitantes e de interpretación dos sete parques e solicitar un pasaporte, que deberán cubrir con selos que acrediten a súa visita.
Unha vez completado o pasaporte, terán que escanear o documento e envialo por correo electrónico, xunto cos datos persoais do visitante para que a Consellería de Medio Ambiente certifique o documento e se poña en contacto cos premiados
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.