Por Galicia Confidencial | Compostela | 15/02/2022 | Actualizada ás 14:16
A Coruña celebrará do 8 ao 13 de marzo a III Semana do Cinema Galego, a gran mostra da sétima arte do país. Durante seis días, a cidade situarase no epicentro da actividade cinematográfica do territorio. O audiovisual galego exhibirá as súas producións máis recentes e recoñecidas da man das e dos profesionais do noso cinema, dos equipos artísticos, nunha cita consagrada, na súa totalidade, ao talento máis próximo.
Proxectaranse os traballos finalistas dos Premios Mestre Mateo 2022 que concede a Academia Galega do Audiovisual, traballos que darán boa conta do talento do país. Os propios equipos artísticos dos filmes presentarán os seus proxectos no recinto coruñés.
Con esta terceira edición, a AGA quere consolidar a Semana do Cinema Galego como a gran celebración non competitiva da tempada do cinema do país. Coa ollada posta en citas como Málaga, Cannes ou Venecia, a intención da Academia é impulsar un punto de encontro para público e artistas, incorporando tamén a cidade como un dos seus escenarios principais.
A tesoureira da Academia Galega do Audiovisual, Carmen Méndez, acompañada polo deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto, e polo edil de Relacións Institucionais e Turismo do Concello da Coruña, Juan Ignacio Borrego, presentou esta terceira edición, na que a alfombra vermella locerá no Teatro Colón dar a benvida a unha coidada programación conformada polas mellores longametraxes e documentais do último ano.
"Unha ocasión carismática, seductora e máxica, con todo o glamour do mellor cinema, que quere ser “unha das grandes citas da tempada”, sinalou Carmen Méndez. Ademais, a directiva da Academia, quen presentou a nova imaxe e o vídeo promocional da iniciativa, avanzou que a actividade desta III Semana do Cinema Galego incorpora, alén dos filmes finalistas dos Mestre Mateo, dúas películas especiais que se proxectarán tanto na inauguración coma na clausura da mostra.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.