Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 20/02/2022 | Actualizada ás 10:00
PuntoGal, en colaboración con Arsys, iniciou unha campaña de consellos prácticos sobre ciberseguridade na súa web e nas redes sociais para concienciar da súa importancia a webmasters, administradores de rede e cidadanía en xeneral.
Mediante unha serie de artigos que se publicarán de forma periódica na web de PuntoGal, as dúas entidades difundirán os conceptos máis importantes nesta materia en ámbitos como o do correo electrónico, a protección de datos, os formularios web, as técnicas de ciberataque máis habituais... e todo tipo de recomendacións para mellorar a nosa seguridade online.
PuntoGal, que supera xa os 6.200 dominios rexistrados, "comeza o novo ano reforzando a súa aposta pola ciberseguridade, especialmente no ámbito da concienciación e a prevención. Ese é o punto central deste proxecto conxunto con Arsys, no que insistiremos nas medidas básicas de defensa e daremos a coñecer os termos máis comúns", comenta Darío Janeiro, director xeral de PuntoGal.
A iniciativa reforza a implicación da empresa neste tema, iniciada coa adhesión á Global Cyber Alliance en 2021, o que converteu a PuntoGal na primeira entidade galega que forma parte da mesma.
"A ciberseguridade é unha das principais preocupacións das nosas empresas. Aínda danse demasiados casos nos que as nosas Pemes deciden incorporar as medidas máis básicas nesta materia cando teñen que poñer remedio a problemas máis ou menos serios", explica Nieves Franco, CEO de Arsys.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.