(Vídeo) Así é a pesca en Terranova: un traballo de risco entre fortes ventos e ondas conxeladas

As baixas temperaturas e o movemento do mar fan das augas de Terranova un dos caladoiros máis perigosos do mundo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2022 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

A uns centos de quilómetros da illa canadense de Terranova atópase un dos tramos marítimos máis temidos da historia. Nesas augas viron a luz por última vez os mastros do Titanic, a estrutura de varias plataformas pretolíferas e, o pasado martes, o pesqueiro galego Villa de Pitanxo, que contaba cunha tripulación de 24 persoas entre os que, polo momento, só se rescatou con vida a tres. 

Barco faenando en Terranova no medio dunha treboada
Barco faenando en Terranova no medio dunha treboada | Fonte: La Pesca - Documental

As augas de Terranova son unha aposta arriscada pero lucrativa para os pescadores que alí se adentren. A zona é rica en bacallau e fletán, especie esta última sobre a que estaban a traballar os mariñeiros de Marín. Pero, tamén, Terranova eríxese como un mar particularmente difícil e traizoeiro pola frialdade das súas augas e os moitos perigos que axexan nelas.

Por unha banda, é habitual que nos meses invernais a auga desta zona rolde os 0º; porén, non se conxela polo seu alto contido salino. Isto non evita a presenza reiterada de icebergs desprendidos do círculo polar ártico precisamente por mor da suba de temperaturas. Neste vídeo pódese comprobar o desprendemento dunha destas grandes masas de xeo.

Os icebergs carrexan grande perigo para os barcos da zona, en particular no tocante á navegación en condicións de baixa visibilidade ou pola noite. Precisamente foi iso o que lle aconteceu ao Titanic, que bateu cunha gran masa de xeo sen poder virar suficientemente pola alta velocidade que levaba o barco e, paradoxicamente, polo estado calmo do mar. Se o movemento das augas tivera sido superior, as posibilidades de avistar o obstáculo tamén terían medrado. 

Porén, as primeiras hipóteses apuntan a que no caso do Villa de Pitanxo as circunstancias foron diametralmente opostas. O barco de Marín podería ter afundido por un golpe de mar, segundo apuntaron familiares de persoas rescatadas nunha primeira aproximación ás causas do suceso. Terranova experimenta, días despois do acontecido, ventos de relativa forza e, sobre todo, unhas temperaturas próximas ao punto de conxelación en aire e auga. Nesta outra curta pódese apreciar a dureza da pesca na zona, cun barco de eslora considerable danzando sobre as augas como se no canto de metal estivera feito de papel.

Por último, esta metraxe dá conta das dificultades dun navío pesqueiro para abrirse paso por entre as ondas a non moita distancia das propias costas de Terranova. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta