Fondos Next Generation para atraer a Verín máis de 100.000 visitantes ao ano

O Concello de Verín pretende dinamizar o enclave natural coñecido como o 'Pozo do Demo' con rutas temáticas que poñan en valor o seu patrimonio xeolóxico, arqueolóxico, histórico e natural. Para iso presentará un ambicioso proxecto aos Fondos Next Generation da Unión Europea poñendo como obxectivo ser o maior atractivo turístico no sur de Galicia.

Por X.M. Fernández | Verín | 18/02/2022 | Actualizada ás 21:40

Comparte esta noticia

Concello de Verín reordenará os recursos turísticos que encerra O Pozo do Demo desde unha nova e rompedora óptica: un Museo Natural ao aire libre fará visitables, mediante seis rutas temáticas, os inxentes recursos naturais, xeolóxicos, arqueolóxicos e históricos que aglutina esta paraxe tan querida en Verín.

Fraga do Pendón. Foto: Prensa Concello de Verín
Fraga do Pendón. Foto: Prensa Concello de Verín

O plan, enmarcado nun ambicioso proxecto para entrar nos Fondos Next Generation da UE, prevé a recuperación de varios megalitos, así como a escavación completa do xacemento arqueolóxico do Bouzadoiro e do enclave no que os historiadores atoparon os restos do Castelo de Cabreira, así coma unha ruta especial dedicado á batalla contra as tropas de Napoleón en 1809.

“O Pozo do Demo é moito máis ca un enclave natural”, afirma o goberno municipal, como dixo don Xesús Taboada Chivite “é un panorama de tal grandeza cósmica que xustifica o respecto con que se mira aquela sima” cuxo entorno agacha numerosos secretos e tesouros naturais, arqueolóxicos e históricos. 

O POZO DO DEMO

O Pozo do Demo atópase á beira da autovía A-52, a vía de entrada máis utilizada polos visitantes desde a Meseta, cunha media de 6.000 vehículos diarios, pero que en época turística chega aos 12.000-18.000, segundo os datos da DGT. A vista do cachón do Pozo do Demo domina visualmente o percorrido da A-52 ao seu paso por Verín, polo que a importancia da ordenación deste recurso é crucial para xenerar un atractor turístico que podería beneficiar fondamente á comarca do Támega. Segundo refiren fontes municipais: “Só con que o 10% dos viaxeiros que contemplan a garganta do Pozo do Demo ao seu paso pola autovía decidisen parar en Verín, poderíamos ter 1.800 visitantes ao día nas tempadas turísticas”.

Espazo do Pozo do Demo. Foto: Prensa Concello de Verín
Espazo do Pozo do Demo. Foto: Prensa Concello de Verín

O Pozo do Demo é un “kettle” ou marmitón erosivo que se taponou polos derrubes tras dun cachón nun dos afluentes secundarios do Támega. Pero a beleza do entorno rochoso, con varios centos de metros de caída, e a presencia dos restos dun castelo medieval, dun campo de megalitos, dunha vila romana e dunha xeoloxía, flora e fauna excepcionais fan da zona, segundo o documento base do Plan Director do Pozo do Demo “un megarrecurso turístico, unha zona dunha riqueza como atractor que ven delimitada pola súa riqueza natural e a súa visión desde a autovía A-52”.

PLAN DIRECTOR / REORDEACIÓN DO RECURSO

Un Plan Director recolle todas as actuacións a levar a cabo nos próximos anos para esta ambiciosa reordenación do recurso, moi apreciado xa desde antigo no imaxinario social de Verín, e importante fonte de recursos deportivos para sendeiristas e amantes da natureza en Monterrei.

“Agora trátase de darlle outra volta ao concepto”, afirman desde o goberno municipal, “e de ser un conxunto de enclaves queridos por todos, imos  convertilo nun atractor turístico para meter a máis de 100.000 visitantes ao ano en Verín”, mediante un xigantesco Museo Natural ao aire libre e o aproveitamento “dunha das paisaxes de maior beleza da provincia, un balcón ao Val de Monterrei”.

"... imos  convertilo nun atractor turístico para meter a máis de 100.000 visitantes ao ano en Verín"

En primeiro lugar xerarase unha nova centralidade do recurso, na parte frontal do cachón do regato das Quintas, para estruturar seis rutas --incluíndo unha de accesibilidade total, sen desnivel-- temáticas por áreas de interese: xeolóxico, megalítico, romano, medieval, flora e fauna e historia do evento de 1809.

“A garganta do Pozo do Demo é un espello e un resumen da formación xeolóxica de Verín”, tal e como recolle o documento do Plan Director do Pozo do Demo. Trátase, pois, dunha oportunidade única para explicar a xeoloxía da comarca.

Na web do concello hai máis información ao detalle do que será un atractivo "megarrecurso" turístico para Verín.

Penedo do Mouro. Foto: Prensa Concello de Verín
Penedo do Mouro. Foto: Prensa Concello de Verín
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta