Por X.M. Fernández | Quiroga | 15/05/2014 | Actualizada ás 20:00
O Val de Quiroga é unha das poucas zonas de Galicia onde se mantivo o cultivo de oliveiras e a elaboración tradicional do aceite. A tradición do val que forma o Río Sil entre Quiroga e Ribas de Sil remóntase a varios séculos atrás, probablemente á época romana.
Se eles comezaron coa elaboración deste ouro líquido, as xeracións posteriores mantiveron esa dedicación case sempre coa finalidade de ter aceite para autoconsumo, aceite que elaboraban en cada aldea de forma artesanal. Co despoboamento do rural perdeuse xente que mantivese o coidado das oliveiras e moitas foron quedando abandonadas, pero a día de hoxe estase invertindo o proceso.
Atopamos xa algunha empresa e moitos particulares que están apostando de novo por recuperar os cultivos e comercializar este prezado produto. De feito, para contribuír a esa recuperación e revalorización a Universidade de Vigo está estudando as características deste aceite singular pola súa orixe 100 % galega.
Así, pois, non é de estrañar que o Concello de Quiroga celebre dende o ano 2.000 esta mostra, recoñecida tamén como “Festa de interese turístico”, que ofrece a posibilidade de coñecer o proceso de elaboración artesanal do aceite e de mercalo a algún dos colleiteiros que presentan a súa colleita.
Ademais dos postos de colleiteiros de aceite da zona, na mostra non faltarán outros produtos tradicionais do lugar como a castaña, o viño, o mel ou os licores caseiros. E tamén haberá lugar para a música e a danza tradicionais, unha cata de aceites participantes e degustación de polbo e carne á brasa nalgúns dos postos gastronómicos que darán servizo aos visitantes.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.