Por Galicia Confidencial | A CORUÑA | 24/02/2022 | Actualizada ás 09:00
Un terceiro local da marca 'El Cártel de Mawey' abre en Galicia, situado desta volta no centro da Coruña. A segunda marca dos chefs Fernado Carrasco e Julián Barros, artífices do Mawey Taco Bar, busca así expandirse, pois Santiago de Compostela e Vigo xa contaban con senllos establecementos que ofrecen "unha liña inspirada na cociña rueira mexicana destinada a un público máis novo".
O terceiro 'Cártel de Mawey' sitúase no número 9 da avenida de Arteixo, a 200 metros da rúa Juan Flores –cruce coñecido por albergar o primeiro Zara da península–, unha arteria moi coñecida e transitada da cidade, e abre de martes a domingos en comidas e ceas. Decorado con murais de inspiración azteca e detalles en clave rueira, conta con capacidade para 50 comensais e un par de mesas de exterior.
Os artífices de 'Mawey' e 'O Cártel' son os cociñeiros e emprendedores Julián Barros –con experiencia nos estrela Michelin 'O Poblet', de Quique Dacosta, e 'Zaranda', de Fernando Pérez Arellano, así como nos parisienses 'Apicius' e 'Lle Grande Casca'– e Fernando Carrasco, durante un tempo mano dereita de Roberto Ruiz en Punto MX, o que fora o primeiro restaurante mexicano de Europa en obter un astro na Guía Vermella.
O 'Cártel de Mawey' centra a súa oferta nos burritos, elaborados con tortillas de trigo pechadas por un dos seus extremos "para que resulten máis fáciles para comer e os mellores ingredientes frescos". Cun prezo medio ao redor dos 15 €, a carta complétase con algúns entrantes, como o guacamole, os ovos rancheiros con crema de queixo ou os nachos. Todos eles, dispoñibles en servizo de delivery e take away e en versión vegana.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.