Por Galicia Confidencial | VIGO | 24/02/2022 | Actualizada ás 18:57
A partir de agora, as empregadas do fogar terán dereito a cotizar para cobrar o paro. Así o vén de ratificar unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea que deu a razón ás reclamas dunha viguesa, que presentou a finais de 2019 ante a Tesourería Xeral da Seguridade Social unha solicitude para cotizar por desemprego e ter dereito á prestación.
Foi publicado por La Voz de Galicia, que apunta que os maxistrados do TXUE consideraron que esa prohibición de cotizar das empregadas de fogar constitúe unha discriminación por razón de sexo. Porque o sector das empregadas do fogar está constituído na súa inmensa maioría por mulleres.
Así pois, segundo publica La Voz, a sentenza sinala que a vella prohibición atentaba contra a Directiva sobre igualdade en materia de seguridade social, "na medida en que dita disposición sitúe ás traballadoras en desvantaxe particular con respecto aos traballadores e non estea xustificada por factores obxectivos e alleos a calquera discriminación por razón de sexo". O fallo do TXUE esgrime que máis do 95% das empregadas do fogar son mulleres e por tanto, a normativa prexudicaría especialmente ás traballadoras e suporía unha "discriminación indirecta por razón de sexo contraria á directiva".
O tribunal deslexitima así os argumentos do Goberno central e a Tesourería Xeral da Seguridade Social, que na súa defensa alegaron que a exclusión da cotización respondía, debido a que no sector os empleadores son na meirande parte persoas físicas e non xurídicas, a tentar manter as taxas de empleo actuais e evitar o traballo ilegal e a fraude. En resposta a esa argumentación, o tribunal da Unión Europea apunta que o sector das empregadas do fogar non é o único colectivo que realiza un traballo a domicilio e para empregadores non profesionais, polo que esa argumentación reviste incoherencia.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.