Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/02/2022 | Actualizada ás 08:35
A plataforma Vía Galega recolleu 4.326 firmas para "esixir" que haxa seleccións galegas e "o dereito" a competir oficialmente en todas as disciplinas deportivas. Unha representación dos asinantes do manifesto 'Galiza, un Pobo, unha selección' participou na entrega de firmas dirixidas ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.
Entre os asinantes desta petición, entregada no rexistro da Xunta, atópanse deportistas como Marcé Barbientos, de taekwondo, Manuel Polo, en marcha, e Serafín Carballo, en 1500 metros.
No manifesto, reclaman o dereito de Galicia "a estar representada como tal, en todas as disciplinas deportivas; a poder conformar seleccións galegas en todos os deportes e a ter dereito a competir a nivel oficial e internacional". Tamén piden que os deportistas poidan "competir baixo a bandeira galega e poder exhibila cando suban ao podio" e, en definitiva, "galeguizar o deporte e impulsar a igualdade de xénero".
Anxo Louzao, da portavocía de Vía Galega, destacou a "gran acollida" que está a ter a campaña e agradeceu a todas as persoas que apoiaron o manifesto. "O dereito a competir coas nosas seleccións, baixo a bandeira e himno e a ter selección en todos os deportes é un dereito que nos agarraches como galegos e non pode seguir prohibido máis tempo", sentenciou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.