Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 25/02/2022 | Actualizada ás 19:44
Os ataques ao servizo de recollida de lixos na Coruña continúan. Tras as rodas picadas, os cristais rotos e os colectores queimados nos dous últimos días, este venres a cidade amenceu cun camión do lixo queimado, un feito que se suma aos colectores cheos e as rúas repletas de desperdicios.
O presidente do comité de empresa, Luís Varela, explicou que os traballadores temen "correr risco físico realizando o servizo". "Queremos saír escoltados pola policía", pediu.
A noite do xoves ao venres, parte dos camións foron acompañados pola policía local, "pero non todos", explica Varela, quen explicou que os traballadores están "nerviosos" porque todo o que está a suceder píllaos "fóra de xogo".
"Nós queremos saír de servizo. Non sabemos quen está detrás de todo isto", sentenciou. O presidente do comité condenou estes actos vandálicos e explicou que están "en negociacións, pero non en conflito" coa empresa.
"SABOTAXE, SECUESTRO OU CHANTAXE"
A alcaldesa, Inés Rey, foi "tallante, concisa e clara" respecto diso. "Os coruñeses non van ser reféns de ningunha sabotaxe, secuestro ou chantaxe de ningún tipo", dixo. A rexedora explicou que a súa misión é velar porque se cumpra "un dos contratos máis cuantiosos do concello".
Unha vez máis, o goberno municipal "esixe" á concesionaria encargada dos residuos que "garanta" o servizo público de recollida.
"A empresa terá que cumprir o contrato nos seus termos", sinalou, e engadiu que os seus conflitos cos traballadores son unha "cuestión allea" ao goberno municipal e aos coruñeses.
Rey dixo "con contundencia e toda claridade" que tomarán as medidas oportunas para póñase fin a "actitudes e condutas vandálicas".
"CUMPRE ESCRUPULOSAMENTE"
A empresa responsable, PreZero, pola súa banda, sentenciou nun comunicado que "cumpre escrupulosamente" o convenio colectivo vixente para o servizo de recollida de residuos sólidos urbanos na Coruña, asinado en 2021. Non existe, por tanto, "ningunha negociación económica" en curso, segundo informou.
A adxudicataria "lamenta" a situación, cuxa orixe é "completamente allea" á empresa e sinala que continúan traballando para recuperar a normalidade "o máis axiña posible".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.