Putin é culpábel

É indubidábel que Vladimir Putin deu orde de desenvolver contra a Ucrania unha guerra total e xeneralizada, que atenta non só contra obxectivos militares, senón tamén contra obxectivos civís-mesmo escolas e complexos residenciais-.

Por X.A. Pérez-Lema | A Coruña | 28/02/2022

Comparte esta noticia
Para máis, o seu discurso autoxustificativo amosou grandísimas feblezas dialécticas. Se antes a culpa era da expansión da NATO e da vulneración polo Goberno ucraino dos acordos de Minsk de 2014 e 215, o mércores 24-F Putin negáballe á Ucrania o dereito á súa existencia como Estado, pretextando unhas fronteiras (adoptadas hai agora cen anos, cando a República Socialista da Ucrania foi cofundadora da Unión Soviética) que seica incorporan millóns de rusófonos ao Estado ucraino rexido dende Kyiv.
 
Vaia por diante que as políticas de expansión da NATO cara ás fronteiras rusas dende a implosión da Unión Soviética (1991) contribuiron incrementar substancialmente o nacionalismo agresivo ruso e que, nun xogo de equilibrios de poder nun mundo multipolar, semella pouco seguro para Rusia que despeguen avións norteamericanos ou españois de bases nas Repúblicas bálticas. Tampouco deixa de ser verdade que na Ucrania conviven millóns (quizais até un terzo) de rusofalantes  e que moitos destes considéranse máis próximos aos seus veciños de Rusia e Belarus. Sen dúbida a Ucrania ( independente dende 1991) non soubo ou non quixo construir un Estado federal que recoñecera o bilingüismo nas rexións orientais rusofalantes e hoxe Rusia é para millóns de persoas ucranianas do leste un referente máis próximo ca Kyiv. Tampouco fixo moito por clarexar  supostas mortes e abusos de extremistas ucrainos como o chamado Batallón Azov, malia que tampouco contemos con probas obtidas de xeito independente da responsabilidade dos Gobernos ucrainos e moito menos do actual do Presidente Zelensky.
 
Unha orixe común, un desenvolvemento ucraino subordinado a Moscova
 
As actuais Rusia, Belarus e Ucrania naceron do Rus de Kyiv, fundado na segunda metade do século IX polo varego de orixe escandinava Rurik. A Rus de Kyiv constituiu o principal Estado eslavo na Europa oriental até a súa destrución pola invasión dos mongois no 1246. Despois, a sé do Patriarca de Kyiv pasou á actual Rusia, primeiro a Wladimir e despois a Moscova, gobernado como principado por descendentes de Rurik até a chegada dos Romanov a primeiros do século XVII. Nestes anos o principado cconverteuse en tsarato de Moscova, para se converter no Imperio ruso co tsar Pedro, fundador de San Petersburgo, a primeiros do século XVIII.
 
Nese século XVIII comezou a política tsariana de rusificación de Ucrania,  moi potenciada na segunda metade do século XIX por unha nova ondada imperialista que abrangueu tamén Finlandia, Suecia, Lituania, Letonia e Estonia, chegando negar o Goberno ruso a existencia dunha lingua ucraina (1863) e prohibir a impresión de novos libros nesa lingua  (1876).
 
O nacionalismo ucraino xurde a finais do século XIX e primeiros do século XX como reacción defensiva e popular, diante desta opresión rusificadora e da traizón das elites ucrainas, totalmente rusificadas na altura. Deste xeito, logo da caída do Imperio ruso proclamouse a República popular de Ucrania, que reacticvou o sentimento nacional e o autoaprezo pola lingua do País. Porén entre a república polaca de Pilsudski (que anexou parte da Ucraina occidental) e os bolcheviques liquidaron esta  experiencia de goberno democrático.
 
A nova República Socialista Soviética de Ucrania (1922) foi cofundadora da URSS e remaneceu dirixida até 1932-33 por bolcheviques ucrainos defensores da autonomía do país e a oficialidade e prestixiamento da súa lingua. Mais esta política foi revertida polas purgas de Stalin entre 1932 e 1933, que decidiu  apostar pola rusificación dende a consideración do nacionalismo ucraino (de orixe esencialmente popular, como xa dixemos) como “burgués”. Este proceso coincide históricamente coa morte por fame de millóns (uns catro millóns, segundo avaliacións conservadoras) de persoas ucrainas, privadas de alimento por requisas do Goberno de Moscova nun proceso políticamente consentido (o chamado Holodomor) que tiña por obxectivo oficial a colectivización da rica agricultura ucraina.
                      
A represión soviética foi caldo de cultivo para a adhesión de ducias de milleiros á invasión nazi no 1941, falsamente confiados na axuda dos alemáns, que trataron Ucrania coa mesma brutaldade amosada na Rusia, Belarus ou nas repúblicas bálticas, sendo culpábeis da morte de oito millóns de persoas no País, entre eles case toda a poboación xudía de Kyiv. Mais foi éste un fenómeno moi minoritario. Millóns de ucranios formaron no exército soviético e mesmo o mariscal Konev dicía que eles eran os seus mellores soldados.
 
Malia o esforzo de guerra dos ucrainos Stalin deportou millóns de cosacos ucrainos . E as políticas rusificadoras seguiron desenvolvéndose até a súa morte, mentres xeraba grandes correntes inmigratorias rusas ao leste do país, que explican en grande medida que un terzo das persoas ucrainas teñan o ruso como lingua de seu.
 
Poucos meses despois da morte de Stalin, en febreiro de 1954, o novo goberno (no que sobranceaba o antigo presidente do goberno soviético ucraíno Nikhita Kruschev) dispuña que a peninsula de Crimea pasaría pertencer á republica socialista soviética ucraina, malia a súa maioría rusófona: Kruschev consideraba que a Unión Soviética era inxusta ao non ver  Ucraina como un país fiábel.   
 
Os erros e abusos ucrainos
 
Dende os anos 60 do século pasado o pulo rusificador foi esmorecendo, máis a república socialista ucraína abranguía unha poboación na que existía unha clara minoría rusófona, que era nidia maioría nas áreas orientais de Donetsk ou Lugansk e na propia cidade de Kharkyiv, a segunda cidade ucraína. 
 
Velaí que as minorías que dirixiron Ucrania dende a súaa independencia (aprobada en decembro de 1991 co 90,3% dos votos), vencelladas á antiga República socialista soviética ucraína, non foran espelidas en definir un réxime político máis inclusivo, no canto da república unitaria co ucraino como única lingua oficial que definiu a Constitución de 1996. 
 
Até 2004 os presidentes Kravchuk (1992-94 e Kuchma (1994-2004) mantiveron este unitarismo baseado na personalidade nacional de Ucrania mais tentando manter as mellores relacións con Rusia e Belarus e orientándose cara á integración das tres repúblicas nun amplo espazo económico, por mor da necesidade ucraina do gas ruso e a dependencia de Rusia das actividades económicas do leste e do sur. Son os tempos nos que Ucrania renunciou ao seu armamento nuclear (1997) en troques da asistencia rusa na súa seguranza, acordo que obtivo o consenso USA e británico. 
   
Mais nas eleccións presidenciais da fin de 2004  o ucraino prooccidental Víktor Yushchenk gañou nunha rerceira volta co 51,9 % fronte ao 48,1% do líder proruso do Partido das Rexións Víktor Yanukóvich, que, porén, obtivo moi ampla maioría nas rexións rusófonas do leste e do sur e gañara na segunda volta oficialmente, malia que os resultados foron anulados polo Tribunal Supremo por mor de graves fraudes, logo de amplas mobilizacións populares (a chamada revolución laranxa). Independentemente desta fraude electoral de Yanukóvich, a diferenza en cadansúa orientaciñón de voto entre Kyiv e o oeste e Kharkyv, Crimea, o sul e o leste  habería chamar a atención dos líderes ucrainos de cada sensibilidade política o que lles cumpría, que era desenvolver fórmulas de compromiso e consenso.
 
O goberno de Yuschchenk abriu a economía aos investimentos occidentais, mais a crise financeira mundial de 2007-8 desprestixiou totalmente o seu goberno, sendo elixido Yanukovich en 2010. Éste gobernou en sintonía cos intereses rusos, tentando incorporar Ucrania á unión euroasiática deseñada por Putin. A primeiros de 2014 ducias de milleiros encheron a praza do Maidan en Kyiv e desenvolveron unha revolución pacífica (o Euromaidan), malia a dura represión do goberno de Yanukovich. Semella evidente, de calquera xeito, que os revolucionarios contaron con axuda secreta occidental no desenvolvemento dos acontecementos, como Yarunovich contaba coa axuda rusa.
 
Yanukovich abandonou a Presidencia e exiliouse en Rusia, mentres Rusia ocupaba a península de Crimea e dáballe pulo á formación das Repúblicas populares de Donetsk e Lugansk (febreiro-abril de 2014). Nas eleccións presidenciais anticipadas de xuño de 2014 gañou o prooccidental Petró Poroshenko, que desenvolveu un programa de consolidamento fiscal e achegamento á NATO e á UE, chegando planificar o ingreso de Ucrania nas devanditas organizacións. Mentres, anovou en 2015 os acordos de Minsk que mantiñan un inestábel status quo en Crimea, Donetsk e Lugansk e aturou, senón lle deu pulo, ás accións neofascistas no leste de Ucrania de grupos do extremismo ucraino cada vez máis influíntes.   
 
A corrupción matou o goberno de Poroshenko, que foi derrotado na segtunda volta das eleccións presidencias de 2019 polo actual Presidente Volodimir Zelensky, que acadou…máis do 73% de votos!. Un antigo actor que continuou co seu achegamento á Unión Europea, mentres conxelaba o mesmo proceso a respecto da NATO e tentaba chegar a acordos con Rusia.
 
No pouco tempo desenvolvido até de agora in office Zelensky amosou valores de transparencia democrática e comprensión da complexidade nacional, lingüística e social ucraina, que nunca fora entendida por Yarunovich, Poroshenko ou mesmo Yushchenk. Un país no que a cidadanúa está máis ou menos dividida en dous proxectos que só serán compatíbeis dende o recoñecemento mutuo de cadansúa diferenza.
 
É verdade que desta complexidade  nacional é responsábel a represión rusa, zarista e soviética, c oas súas políticas de colonización, inmigración, desprazamento e  mesmo xenocidio. Mais só dende estes parámetros de consenso e, quizais., recoñecemento internacional de neutralidade sería posíbel a convivencia democrática da cidadanía ucraína nas súas fronteiras e coa súa fasquía actual.
 
A resistencia ucraína e o espertar de millóns en Rusia   
 
Nos poucos días que van de guerra sorprendeu a disposición defensiva dos ucrainos, baixo o liderado indiscutíbel do presidente Zelensky, fronte a unha moi grande superioridade rusa. Expertos militares occidentais atribúen esta capacidade ao rearmamento ucraino dende 2014. Mais chama tamén  a atención da participación de milleiros de civís nos combates, que sen dúbida advirten do grande antagonismo de Kiyv e da Ucrania occidental a respecto do tsar Putin. O Goberno ucraino autorizou a todos os civís que combatesen armados, o que pode incrementar a resistencia mais tamén sementa dúbidas importantes a respecto dos seus dereitos como combatentes se non confrontan abondo identificados.
 
E non menos sorprendente foi a reacción de ducias de milleiros en San Petersburgo, Moscova e outras cidades rusas enfrontando ao goberno Putin e a súa decisión militar, malia a represión policial inmediatamente sofrida. Seica a guerra non é popular tampouco en Rusia.
 
Para hoxe anúncianse conversas na fronteira con Belarus, na beira do río Prypet, o das mariñas. Mais hai poucas dúbidas de que Putin non ha parar mentres non impoña un Goberno sometido a Moscova, ao xeito dos que impuxo en  Transdnistria, Donetsk, Crimea ou Lugansk. Mentres non impoña o seu imperialismo autoritario a toda a cidadanía ucraina.
 
Putin non é o único culpábel, mais de certo si é culpábel.  

Vladimir Putin
Vladimir Putin | Fonte: temposgalegos
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Xoán Antón Pérez Lema Licenciado en Dereito e graduado en Administración de Empresas. Leva exercendo a avogacía máis de vinte anos e dirixe o seu propio despacho n’A Coruña, con nomeada adicación ao Dereito Administrativo e Mercantil . Foi profesor da Escola de Práctica Xurídica do Colexio de Avogados coruñés e da Facultade de Ciencias Sociais da Universidade de Vigio. Arestora imparte a docencia no primeiro programa de asesoría xurídica de empresa que se desenvolve en Galicia, no Instituto de Finanzas e Formación Empresarial (IFFE).Publicou varios traballos sobre temática xurídica. Foi xefe de gabinete do Conselleiro da Presidencia Pablo González Mariñas, sendo Presidente Fernando González Laxe e secretario xeral de Relacións Institucionais na Vicepresidencia da Xunta ás ordes de Anxo Quintana (2007-2009). Fpoi asesor xurídico do Consello da Xuventude de Galicia (1991-1997) e tivo unha intensa actividade na defensa penal de obxectores e insumisos até que se acadou a supresión do servizo militar obrigatorio. Colaborador da Radio Galega e da TVG e de varios xornais, revistas e emisoras de Radio e TV galegas.