Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/03/2022 | Actualizada ás 10:00
A pandemia segue sumando consecuencias e cambios na vida diaria, algúns directamente vencellados coa cuestións pandémica e outros incritos na dimensións sanitaria pero de características ben diferentes. Tal é o caso da cifra que veñen de facer pública dende a corporación Johnson and Johnson, dende a cal a aseguran que o 60% das cirurxías bariátricas no Estado español foron canceladas debido á covid.
Este tipo de intervencións adoitan aplicarse sobre as persoas con sobrepeso cando a dieta e outros tratamentos preliminares non dan resultado. A dimensión que supoñen na sanidade española non é menosprezable, xa que se estima que o 39% da poboación española ten sobrepeso, e o 22% é obesa. Acontece que nos momentos actuais un 68% dos pacientes vese obrigado a esperar un mínimo de 6 meses para acceder a unha intervención de cirurxía bariátrica, demora que, nalgúns casos, se estende até os 4 anos e medio.
Aínda así, dende a corporación sosteñen a contribución da cirurxía bariátrica ao aforro do sistema sanitario porque, nas súas palabras, diminúe ou elimina as comorbilidades asociadas á obesidade, coa consecuente mellora da calidade e esperanza de vida do paciente; o que, por outro lado, implica tamén un menor número de coidados a prestar no futuro.
Por iso subliñan que a solución máis recomendable para combater a obesidade, baixo indicación e prescrición médica, é a cirurxía bariátrica. “Este tipo de intervención está recomendada para os pacientes cun índice de masa corporal superior a 40, así como para aquelas persoas que padecen obesidade cun IMC de 35 e presentan comorbilidades asociadas”, manifesta o doutor Manuel Vilches, da corporación, que estima que “o 85% dos pacientes con IMC >35 abandona os cambios de dieta e o exercicio ao non observar resultados a curto prazo”. En canto ao número de operacións cirúrxicas deste tipo que levan a cabo en España, cabe destacar que, aínda que se realizan ao redor de 10.000 intervencións bariátricas anuais, trátase dunha cifra moi reducida en relación á poboación diana cun IMC>40, así como en proporción a outros países europeos.
Ante esta situación, o Dr. Vilches expresa tamén a súa preocupación polo atraso que experimentan este tipo de intervencións no Estado: “a cirurxía bariátrica non se considera prioritaria en España e estas circunstancias agraváronse durante a COVID 19, xa que se cancelaron ata o 60% dos procedementos bariátricos previstos”. Así, advirte que a cirurxía bariátrica é un tratamento que non se pode demorar porque “o seu aprazamento conleva importantes implicacións na calidade de vida e a supervivencia do paciente”. “En España a cirurxía bariátrica non está considerada como prioritaria, polo que non é sinxelo ter datos de lista de espera real. Algúns estudos evidencian que un 68% dos pacientes ten que esperar un mínimo de 6 meses para acceder á cirurxía bariátrica e mesmo, nalgúns casos, prolóngase ata máis de 4 anos”, engade o doutor.
Neste aspecto, subliña a importancia de ter en conta que a metade dos pacientes desenvolven comorbilidades durante a espera. Entre as enfermidades que se orixinan nas persoas como consecuencia de padecer obesidade atópase a diabetes tipo II, depresión, e mesmo aumenta o risco da aparición dalgúns tipos de cancro, como o cancro de mama, colon ou ril. Ademais, pospoñer a cirurxía bariátrica durante a pandemia COVID-19 tivo un forte impacto físico e psicolóxico nos pacientes con obesidade polo seu maior risco asociado.
O Dr. Vilches pon de manifesto que, aínda que a cirurxía bariátrica puidese parecer que supón un custo para o sistema sanitario, en realidade é un investimento que implica un aforro a longo prazo porque “as persoas con sobrepeso consomen máis recursos sanitarios, sométense a máis intervencións cirúrxicas e duplican o gasto en prescricións que as persoas cun IMC<25 kg/ m2 e coa cirurxía bariátrica conseguimos diminuír ou eliminar as comorbilidades asociadas á obesidade, ademais de mellorar as expectativas e a calidade de vida dos pacientes”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.