Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 05/03/2022 | Actualizada ás 14:04
A Xunta, a través do seu número 'dous', Alfonso Rueda, apelou á prudencia antes de decretar o levantamento definitivo das "poucas" restricións que aínda imperan en Galicia para o control da pandemia, un paso que non chegará ata que se produza a reunión co Executivo central da próxima semana.
O vicepresidente da Xunta sinalou que a Administración autonómica agardará ata o encontro entre Goberno e comunidades previsto para o vindeiro xoves 10 de marzo en Zaragoza.
"As restricións que temos agora, que xa son mínimas en hostalaría e no ámbito educativo, imos esperar a esa reunión e despois veremos se se achega o momento definitivo de levantalas", apuntou Rueda.
O responsable do Executivo galego incidiu en que a situación epidemiolóxica en Galicia "nada ten que ver" coa que había "hai un mes e medio ou dous meses", aínda que considera que isto debe enfrontarse con "prudencia" porque "a covid segue aí".
Neste sentido, lembrou que nos últimos días produciuse unha repunta na detección de casos que vinculou ás festas do entroido, aínda que puxo o foco en que a tendencia é camiñar cara ao levantamento total das restricións que aínda están vixentes e que afectan case exclusivamente á hostalaría.
Así as cousas, subliñou que Goberno e comunidades deben acordar a forma de alcanzar a "completa normalidade" a través dun protocolo "que hai que aclarar" pois, segundo Rueda, o borrador facilitado polo Ministerio de Sanidade "é bastante confuso".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.