Por E.P. | Santiago de Compostela | 05/03/2022 | Actualizada ás 20:11
O Servizo de Coordinación Cultural da provincia de Ourense abriu un expediente por infracción administrativa por falta grave ao Concello de Nogueira de Ramuín pola construción dun miradoiro en Penas do Castro, Pombar-Santo Estevo de Ribas de Sil.
Así o comunicou a asociación 'Amigos da Terra', que recibiu a comunicación ao ser esta entidade a que interpuxo, con data 8 de febreiro, a denuncia por unhas obras que "presumiblemente carecían de calquera tipo de autorización" ou "non debería ser concedida, xa que afecta a conservación do patrimonio e atenta contra un dos valores arqueolóxicos e históricos da Ribeira Sacra".
"Penas de Castro xa é en por si un miradoiro natural privilexiado da Ribeira Sacra, grazas a unha das mellores vistas do mosteiro de Santo Estevo e tamén desde onde se poden observar as unións do val do Río Sil co do Río Cabe, e non é necesario facer ningún tipo de intervención artificial", explica a asociación.
Amigos da Terra insiste en que estas construcións afectan o patrimonio cultural do castro, tratándose ademais "dun espazo protexido e de interese histórico" e onde non se respectan ademais as distancias mínimas de perímetro de protección segundo a lei de protección do patrimonio de Galicia.
Así, o Servizo de Coordinación Cultural abre o expediente en virtude do artigo 130d da lei 5/2006, de 4 de maio , de Patrimonio Cultural de Galicia ("d"), segundo o que "a realización de calquera intervención nun ben declarado de interese cultural ou catalogado ou no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecimiento sen a autorización previa da Consellaría competente en materia de patrimonio cultural, cando esta sexa preceptiva, ou contravindo os termos da autorización concedida, e cando ocasione un dano a este ben".
Así mesmo, solicítase tamén ao Concello que, no caso de que proceda, inicie o correspondente expediente de reposición da legalidade (ERL), comunicando á Consellería os actos de instrución.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.