Por E.P. | Arousa | 05/03/2022 | Actualizada ás 20:29
Máis de 50 voluntarios limparon este sábado máis dunha tonelada de residuos mariños dos fondos do illote Guidoiro Areoso, na Illa de Arousa, nunha actividade de limpeza de lixo mariño que se inclúe no marco de Plancto, o Plan de Conservación Territorial impulsado pola Obra Social de Abanca.
Convocados por Afundación en colaboración coa Confradía de Pescadores da Illa de Arousa, o Club Subacuático Pérez-Sub e o Concello, conseguiron retirar 1.150 quilos dos fondos mariños.
En total participaron 14 embarcacións que partiron en dirección ao Guidoiro Areoso, onde realizaron as inmersións. Alí retiraron nasas, restos de cabos e cordas dediferentes grosores, conxuntos de redes enmarañadas e outros aparellos extraviados durante a actividade pesqueira.
Cos quilos recolleitos nesta xornada de limpeza, conseguíronse retirar xa case 20 toneladas de residuos de diferentes praias e fondos mariños de Galicia. Unhas actuacións que continuarán a próxima semana nas Rías Altas, cunha nova limpeza de praias, neste caso, na de Area no Concello de Viveiro.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.